DeportesFútbol salaÚltima hora

A barquense Vera Rodríguez renova co On Time que xogará na 2ª División Nacional de Fútbol Sala Feminino

 

A xove xogadora barquense Vera Rodríguez González afrontará un novo reto deportivo tras confirmar a súa continuidade no equipo On Time de Ourense para a tempada 2024-2025, dando un paso importante na súa carreira ao subir de categoría e pasar a formar parte da 2ª División Nacional de Fútbol Sala Feminino.

Con tan só 13 anos, converterase así nunha das futbolistas máis novas de España en militar nesta esixente categoría, un feito que reflicte non só a súa calidade, senón tamén o seu esforzo, constancia e madurez deportiva.

 

 

Na  pasada tempada, na categoría cadete, Vera xa destacou como unha das xogadoras máis prometedoras, asinando unha campaña sobresaínte. “A súa capacidade de liderado na pista, visión de xogo, entrega e capacidade goleadora convertérona nun referente dentro da súa xeración”, aseguran dende o club que confía plenamente en que Vera seguirá crecendo e achegando ao equipo nesta nova etapa, onde se medirá a rivais de maior experiencia e nivel. “Este paso supón un desafío maiúsculo, pero tamén unha oportunidade única para demostrar que o traballo, a disciplina e a paixón polo fútbol sala poden abrir portas mesmo a idades temperás”.

A xove promesa do fútbol sala feminino afronta esta tempada con “ilusión, humildade e ambición” co obxectivo de “seguir aprendendo, sumando minutos e consolidándose nunha categoría que reúne a algunhas das mellores xogadoras do país”, asegura o seu pai, destacando que o seu exemplo “servirá de inspiración para moitas mozas que soñan con chegar lonxe no deporte”.

 

 

A súa meta é triunfar no fútbol sala feminino e chegar á máxima categoría, así como seguir representando, igual que o ano pasado, á selección galega, e poder alcanzar algún día o soño de vestir a camiseta da selección española de fútbol sala feminino. Por iso agradece ao seu club e en especial á súa adestradora, Vane Barberá, “toda a confianza que lle demostran e o apoio constante para que siga crecendo dentro do fútbol sala. Sen dúbida, é de agradecer o esforzo e a dedicación que o club mostra para que poida alcanzar e manterse na máxima categoría”, di o seu pai, explicando que está facendo a pretemporada desde primeiros de agosto, adestrando todos os días e preparando a nova tempada.

Fotos cedidas.

Back to top button