Esta mañá inaugurábanse as novas instalacións da base de medios aéreos contra incendios de San Xoán de Río nun acto que contaba coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que estaba acompañada polo alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez; polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entre outras autoridades, como numerosos alcaldes e concelleiros das comarcas da Terra de Trives, Terra de Caldelas e mesmo de Valdeorras.
“Nos catro meses que dura esta campaña esta é a maior empresa que temos en San Xoán de Río, co maior número de traballadores, a maioría veñen contentos e enchen as nosas rúas, e a verdade é que é unha gran ilusión telos, gustaríanos contar con eles máis tempo”, destacaba o rexedor de Río. Ademais expresaba o seu agradecemento á Xunta de Galicia por este investimento, “máis que necesaria”, e tamén agradecía a asistencia da conselleira e das diversas autoridades.
Pola súa banda, María José Gómez, comentaba que “aínda que esta base non é nova de todo, podemos dicir que é a remodelación fixo unha nova infraestrutura, con base para 4 helicópteros, que incluso poden ser máis, e unhas instalacións propias do século XXI. Todo isto cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros e enmarcado dentro do Plan de Infraestruturas da Consellería do Medio Rural, que aínda seguirá vixente ata o 2026 e do que nos quedan aínda preto de 30 millóns por investir e moitas obras que están en execución nestes momentos”.
As melloras consistiron basicamente na construción dunha nova edificación destinada a aloxar á brigada helitransportada e á tripulación dos helicópteros en dous espazos diferenciados. Así, pasan a estar a disposición dos profesionais preto de 300 metros cadrados con todo o necesario para que o persoal do servizo poida conciliar traballo e descanso. Ademais, tamén se remodelou a antiga caseta dos pilotos, onde se localiza a nova emisora da base. Así mesmo, as actuacións incluíron o acondicionamento da parcela do heliporto, para habilitar unha plataforma dedicada ao despegue e aterraxe de aeronaves e outra na que se sitúan tres postos de aparcamento para estes aparellos.
Despois, a conselleira visitaba as novas instalacións, que cualificaba de magníficas e nas que “os traballadores do servizo de incendios poden estar máis a gusto, máis confortables e realizar o seu labor con todas as prestacións”, concluía.
En relación coas bases de medios aéreos, e tamén en referencia á provincia de Ourense, a conselleira fixo fincapé na de Verín-Oímbra, que terá carácter transfronteirizo e que se está ultimando, para a súa posta en marcha nos vindeiros días. Esta infraestrutura poderá ser utilizada por ata seis aeronaves de carga en terra e contará ademais cun heliporto con capacidade para ata catro aparellos, segundo destacou María José Gómez.
Fotos e vídeo: O SIL.

