OurenseÚltima hora

A Biblioteca da Deputación ultima a catalogación dos arredor de 3.000 exemplares que compoñen os fondos literarios e documentais de Alonso Montero

Estes traballos servirán para poñer a disposición de profesionais, investigadores e público e xeral o arquivo e biblioteca do filólogo e catedrático, de moi variada temática

Proceso de catalogación da biblioteca persoal de Xesús Alonso Montero (28 de novembro de 1928, Vigo – 12 de febreiro de 2026 – Vigo) mercada pola Deputación Ourense e depositada na biblioteca provincial situada no Centro Cultural “Marcos Valcarcel”. Os traballos son realizados por Sheila Sánchez Cabo da empresa ANAYTA.

 

A Deputación de Ourense está a ultimar os traballos técnicos de revisión e catalogación dos arredor de 3.000 exemplares que compoñen a biblioteca persoal do académico Xesús Alonso Montero, xunto co seu arquivo documental, e que logo da súa adquisición permanece custodiada na Biblioteca da Deputación desde 2011.

Entre as últimas vontades do intelectual galego figuraba que toda a documentación de uso habitual, así como libros da súa propiedade que quedaran no seu despacho, pasarían a formar parte do seu arquivo literario “Alxam”, nome que lle deu o propio Xesús Alonso. Así, tralo seu falecemento, en febreiro deste ano, este fondo incrementouse con preto de 500 novos exemplares e carpetas con documentos particulares.

Estes traballos de catalogación servirán para poñer a disposición de profesionais, investigadores e público e xeral a biblioteca do filólogo e catedrático, que constitúe un complemento básico do seu arquivo literario, composto por traballos enfocados no estudo de intelectuais e escritores como Castelao, Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, dos que ademais Alonso Montero é autor de varios libros.

A documentación tamén inclúe artigos xornalísticos, textos sobre a súa traxectoria como político e tamén relacionados coa súa etapa de máis de trinta anos como membro da Real Academia Galega, que presidiu entre 2013 e 2017.

En definitiva, a súa biblioteca e arquivo documental son unha fonte bibliográfica de gran interese para os estudosos da súa obra literaria. As consultas poderán realizarse desde a páxina web da Deputación de Ourense (depourense.gal/gl/biblioteca), clicando no enlace “O noso catálogo”.

O arquivo persoal de Xesús Alonso Montero incorpórase aos fondos bibliográficos e documentais da Biblioteca da Deputación de Ourense, integrados na actualidade por preto de 60.000 exemplares, con 22 bibliotecas específicas de autores entre os que se atopan Eduardo Blanco-Amor, Ben Cho Shey, Pura de Dora Vázquez, Manuel Albendea, Matilde Lloria, a colección “carlista” de Rego Nieto, ou o fondo máis antigo de carácter local existente sobre Ourense, obra de Benito Fernández Alonso, cronista da provincia de Ourense.

Back to top button