ConcellosQuirogaÚltima hora

A boa acollida desta segunda edición dará continuidade ao Mercado de Nadal, comercio local e artesanía de Quiroga

 

A praza España acollía na fin de semana un Mercado de Nadal, de comercio local e artesanía, organizado polo Concello de Quiroga. A finalidade do mercado, como matizou o rexedor quirogués José Luis Rivera, era a de dinamizar economicamente o comercio local, algo que se conseguiu posto que “o feito de sacar os produtos á rúa fai que a xente se achegue e merque máis”.

Situados baixo unha gran carpa 16 postos que representaban ao comercio local e ao sector da artesanía, actividades infantís, obradoiros e animación musical. O mercado, organizado polo Concello de Quiroga coa colaboración da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel, contaba co financiamento principal do Centrad (Centro de Artesanía e Deseño) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que achega 6.476,90 euros.

 

 

Durante estes dous días foron moitas as persoas que se achegaron por este mercado. Ademais de todos os postos nos que se puido mercar roupa, produtos típicos da zona, bixutería, libros, xoguetes, alimentación etc., tamén estaban colaboradores da Asociación Española contra o cancro, con diferentes adornos de Nadal realizados a man para recadar fondos para esta entidade.

Dentro das actividades previstas estaba a visita do Apalpador chegado das montañas do Courel acompañado do seu burro para animar a veciñanza, pero sobre todo, os máis cativos. Tamén dirixidos os máis pequenos e coa finalidade de fomentar o interese polos oficios e pola artesanía, realizáronse dous obradoiros: un de decoración de pintura en impresión 3D para Nadal e outro de elaboración de grilandas.

Como complemento, e co obxecto de visualizar tamén a artesanía, unha demostración de torneado de madeira a cargo de Artesanía Armaior, un proxecto emprendedor que elabora sobre todo utensilios de cociña en madeira de oliveira.

 

 

A maiores, os dous días, contábase cun espacio de ocio para os pequenos cun inchable e realizouse o sorteo dunha Cesta de Nadal, obsequio da asociación de comerciantes local. E como non podía faltar a música para amenizar o mercado, contouse coa actuación musical da charanga tradicional Pándega que o domingo facía unha pequena alborada que remataba na carpa da feira para animar a comerciantes e clientes.

Os comerciantes locais, representados por Verónica Núñez (Caurelor), destacaron a afluencia de público, amosaron a súa satisfacción coas ventas acadadas e quedaron con gañas de repetir. Esto último tamén o apuntou o concelleiro de Servizos Sociais e Participación Cidadá, Xosé Manuel Fernández, que en nome do equipo de Goberno, remarcou que o evento está funcionando, polo que entenden que debe ter continuidade. Aproveitou tamén para agradecer á Vicepresidencia da Deputación de Lugo pola axuda económica que permite impulsar este mercado e melloralo ano a ano.

Back to top button