DeportesÚltima horaVídeos

A BTT Ruta do Viño de Valdeorras percorrerá este ano o concello de Rubiá

A V edición celebrarase o 19 outubroe contará con dúas rutas: unha longa de 43,4 km e outra curta, con 37,5 km pola Serra da Enciña da Lastra

 

Cada ano nun concello. Coa idea de percorrer os diferentes municipios da comarca e despois de facelo en Vilamartín, O Barco, A Rúa e O Bolo, a BTT Ruta do Viño de Valdeorras chega este ano ata Rubiá, para percorrer o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

 

 

E precisamente nun dos seus fermosos recunchos en plena Serra da Enciña da Lastra, o Mirador da Portela, en Vilardesilva, tiña lugar a presentación da V edición na mañá deste xoves 19 de xuño por parte do presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Marcos Prada, acompañado polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles e polo alcalde de Rubiá, Elías González, entre oturos.

 

 

Trátase dunha iniciativa que “conxuga o mellor do noso territorio: natureza, deporte, viño e hospitalidade”, dixo o director da Ruta do Viño, lembrando que nacía no ano 2021 co claro obxectivo de “poñer en valor a nosa paisaxe vitivinícola e asociala a unha experiencia deportiva sostible e de calidade”. Naquela primeira edición superábanse os 150 participantes e na última acadábanse os 170, “unha cifra que fala por si mesma do interese por esta proba non competitiva”.

 

 

A deste ano celebrarase o próximo 19 outubro co percorrido íntegro polo concello de Rubiá, por parte do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, contando co apoio e implicación absoluto. O apartado técnico corre unha vez máis por conta da empresa Rutas Xanzá que preparou dous itinerarios: unha ruta longa de 43,4 quilómetros e outra curta, con 37,5 quilómetros “adaptadas para que cada ciclista atope o seu propio desafío entre montañas, viñedos e paisaxes únicas”.

 

 

As inscricións ábrense hoxe na páxina web de sportmaniacs cunha promoción especial de 20 euros para os 100 primeiros inscritos. A partir de aí o prezo será de 29 euros e cada participante recibirá unha mochila, unha camiseta conmemorativa e unha botella de viño da DO Valdeorras. E para quen queira acompañar sen subirse na bicicleta terán unha actividade gratuíta para acompañantes cunha ruta entre viñedos e cata de 4 viños de Rubiá, “unha experiencia extrasensorial con prazas limitadas polo que require inscrición previa”, indica Marcos, lembrando que con esta marcha cicloturista “non so promovemos o deporte senón que apostamos por dar visibilidade aos nosos viños, ás nosas paisaxes e a un modelo baseado na sostibilidade e no valor do territorio”.

 

 

Para o director da Axencia de Turismo “é unha honra poder colaborar de novo con esta iniciativa que “pon en valor a riqueza vitivinícola da zona e a vincula coa tradición deportista, ofrecendo un produto turístico único e singular”, destacou Xosé M. Merelles valorando a alta participación e o feito de que en cada edición se poña en valor un dos nove concellos da comarca valdeorresa e destacando “a tradición vitivinícola tan orixinal deste territorio que esperta cada vez máis interese, non só dos amantes da enogastronomía senón do turismo en xeral”.

 

 

 Gratamente sorprendido ao coñecer o percorrido, o alcalde de Rubiá, Elías González, asegura que esta vai ser “unha proba espectacular”, non só polo percorrido en si senón pola época na que se vai celebrar, en pleno outono, “un momento no que a comarca destaca polo colorido, espectacular, cunha policromía característica que vai parcar a propia carreira, pasando por viñedos e soutos de castiñeiros, rematando no corazón da Serra da Lastra, unha pequena xoia que temos en Valdeorras”, dixo Elías destacando a fermosura do parque que en pouco máis de 3.000 hectáreas de monte protexido, conta con dez rutas perfectamente definidas, varios miradores, pobos singulares, os tramos mellor conservados da vía romana. “Un conxunto de valores que o fan máis que apetecible”, dixo, asegurando que “é fundamental aunar esforzos e aproveitar as sinerxias para seguir potenciando a marca Valdeorras” e felicitando a todos os que fan posible iniciativas como esta.

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button