Dende a igrexa de Santa Rita saía ás 12h. deste Domingo de Ramos a tradicional e concorrida procesión da “Burriquiña” no Barco. Ía precedida por cinco pasos portados por rapaces e rapazas: “Neno de paixón”, “Virxe da Esperanza”, “Cristo Xacente”, “María Magdalena” e “Dolorosa”.
Os asistentes portaban ramos de oliveira, loureiro ou palmas. Deseguido, viña o paso da Borriquiña e, a continuación, a agrupación musical “La Pasión” de Ponferrada.
Tras completar o traxecto da procesión (que dende a praza do Príncipe pasaba polas rúas España, Marcelino Suárez, avenida da Estación, Eloy Rodríguez Barrios e rúa da Valorca), regresábase á praza do Príncipe, e nas escaleiras da igrexa, o párroco do Barco, Jesús Álvarez, procedía á bendición dos ramos dos presentes. Posteriormente, percorría a praza para botarlles a auga bendita e, finalmente, dábase paso á misa.
Durante a procesión o tráfico estivo regulado en todo momento pola Policía Local do Barco.
Os cultos da Semana Santa do Barco continuarán mañá Luns Santo coa procesión do Santo Cristo da Paz e da Virxe da Consolación, ás 20h.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.