
A Asociación Galega das Castañas e dos Soutos vén de mover ficha a nivel institucional para “protexer a comercialización e o futuro dun dos produtos máis senlleiros do noso medio rural”. A entidade acaba de remitir un escrito formal ao presidente do Parlamento de Galicia e aos voceiros de todos os grupos parlamentarios (PPdeG, BNG, PsdeG e DO). O propósito é presentarlles oficialmente a campaña “A castaña non é un froito seco” e pedir o seu apoio unánime.
Segundo indica esta asociación, “o sector leva tempo arrastrando un erro histórico e xeneralizado nas normativas. A nivel nutricional, meter a castaña no mesmo saco ca unha améndoa ou unha noz non ten ningún sentido, xa que a nosa castaña destaca pola súa cantidade de auga, os seus hidratos de carbono e un nivel de graxa case nulo. Manter esta clasificación errónea prexudica directamente a todo o sector e á actividade de cada souto galego”.
Por iso esta entidade, di que cambiar as regras do xogo “esixe chegar ata o Parlamento Europeo”. Para logralo, a asociación está a traballar cóbado con cóbado cunha asociación homóloga de Portugal, impulsando a mesma campaña a ambos os dous lados da fronteira para ir a Bruxelas cunha fronte común forte.
Con todo, antes de dar a batalla en Europa, consideran que “o primeiro paso indispensable é acadar un consenso previo na casa. O apoio de todas as forzas políticas do Parlamento de Galicia é a chave para que a reivindicación gañe peso institucional alí”.
No seu escrito, a asociación solicitou xuntanzas cos distintos grupos para detallarlles as cuestións técnicas en profundidade e explicarlles o impacto económico positivo para os produtores. Tras o envío, as diferentes forzas políticas xa comezaron a contactar coa asociación e actualmente estanse a cadrando axendas para celebrar estas primeiras reunións de traballo.
Para máis detalles sobre a iniciativa, a asociación habilitou toda a información na súa páxina web: https://asociaciongalegadacastana.es/a-castana-non-e-un-froito-seco/.