
A campaña de divulgación da toponimia galega “Toponimízate. Falámosche dos nomes dá túa terra” visitará Quiroga o venres 28 de agosto a partir das 19.00 na Casa da Cultura. Esta actividade está organizada poloas concellerías de Cultura e Dinamización Linguística do concello quirogués. Esta é unha das sete charlas que restan da campaña 2026 e que se impartirán ata o mes de novembro. A cita están convocadas todas as persoas interesadas na toponimia local e que queiran sumarse a este gran proxecto colectivo de conservación dos nomes do territorio a través da plataforma Galicia Nomeada.
O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera Castro e o concelleiro de Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández Montes, serán os encargados de presentar o evento e tamén ao relator Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG (Real Academia Galega).
“A visita a este concello do programa Toponímízate era moi necesaria, pois Quiroga é o quinto municipio galego en superficie con máis de 300 km2. Se temos en conta a densidade media de topónimos no territorio galego, uns 50 por cada quilómetro cadrado, deben existir arredor de 15.000 nomes de leiras, camiños, fontes, penedos, regos… Ben, neste caso, ao tratarse dunha zona de serra, a densidade de nomes diminúe considerablemente en contraste con zonas que están dedicadas a cultivo, onde a densidade aumenta. Neste momento só hai recollidos no territorio do concello quirogués uns 400 topónimos que se poden consultar no visor da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, polo que a urxencia de recoller os nomes das terras e dos monte antes de que se perdan é maior”, sinalan dende o Concello.
O principal obxectivo desta charla Toponimízate será conseguir que a veciñanza de Quiroga se implique na recollida dos microtopónimos das súas aldeas a través da aplicación Galicia Nomeada. Vicente Feijoo centrará boa parte da charla en explicar minuciosamente o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada e as súas principais características: como solicitar unha conta de usuario; como introducir un topónimo; como anexar imaxes, arquivos de son ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor… A intención é que as persoas asistentes teñan unha visión xeral de todo o que lles permite facer a aplicación e que tamén poidan saír da charla preparados para utilizala desde o primeiro momento.
Ademais desta parte práctica e como novidade das charlas deste ano, os asistentes coñecerán as principais mudanzas que implicou a publicación do Nomenclátor de Galicia no concello de Quiroga e os argumentos que apoian estes cambios, como a inclusión do artigo na localidade chamada A Venda Nova ou a súa supresión noutra chamada Albaredos, entre outros.
No apartado final da charla explicarase a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello, comezando polo nome de todo o territorio municipal, Quiroga.