OurenseÚltima hora

A carreira popular da Carballeira ocasionará cortes de tráfico en varias rúas do barrio ourensán o domingo pola mañá

 

A celebración da carreira popular da Carballeira, integrada no Circuíto Correndo por Ourense, ocasionará cortes e restricións de tráfico no barrio o vindeiro domingo, 18 de outubro.

Ás 8 horas cortarase á circulación a rúa do Xílgaro para iniciar a montaxe da estrutura de saída, meta e podio. Ás 10:30 horas pecharase o resto do circuíto, formado pola praza da Lexión e as rúas Castelo Ramiro, Hórreo, Paspallás, Salto do Can e Rula. A proba comezará ás 11 horas coa categoría Pitufos. Ás 11:05 tomarán a saída as categorías Sub-10 e Sub-12; ás 11.15, os Sub-14 e Sub-16; e ás 11.30, as demais categorías (Sub-18, Sub-20, Sub-23, Sénior e Máster).

Estacionamento

Para o correcto desenvolvemento do evento deportivo, deberán permanecer totalmente libres de vehículos:
• Praza da Lexión. Queda prohibido estacionar en toda a contorna da praza, tanto na zona de edificios como na entrada ao CIFP María de Europa e nas interseccións coas rúas do Xílgaro e Fernández Alonso.
• Rúa do Xílgaro. Prohibición total de estacionamento.
• Rúa de Castelo Ramiro (tramo inicial). Lémbrase que non se permitirá estacionar en ningún punto do percorrido, con especial atención ao inicio de Castelo Ramiro, onde se habilitará un dobre sentido de circulación delimitado con conos.

Desvíos de tráfico

• Rúa de Castelo Ramiro: En sentido ascendente, o tráfico desviarase á altura da rúa de Filomena Dato. En sentido descendente, a desviación realizarase á altura do camiño do Curandeiro.
• Couto Berredo: O tráfico desviarase á altura da N-525.
• Rúa do Salto do Can: Pecharase á altura da rúa da Rula. O tráfico deberá desviarse previamente pola rampa de Sás – Francisco Asorey.

O Concello solicita a colaboración das persoas residentes e condutoras así como o respecto da sinalización circunstancial e os itinerarios alternativos.

Desde as 10:30 horas ata que remate a carreira popular, a liña número 10 do servizo de autobueses urbanos “Cabeza de Vaca-Velle” fará o seu percorrido nos dous sentidos polas rúas Cabeza de Vaca, Tangaraño e Marcelo Macías.

Back to top button