CulturaCulturaÚltima hora

A Casa do Chocolate de Teimende (Parada de Sil) celebrará o 13 de setembro o día mundial deste produto

Imaxe dunha visita guiada á Casa do Chocolate./ Cedida.

 

“O chocolate: da selva ao cinema e á literatura”. Con este lema os profesionais do equipo de Turismo de Parada de Sil o vindeiro sábado, 13 de setembro, abrirán a Colección Museográfica – Casa do Chocolate, de Teimende, en Parada de Sil, Ribeira Sacra, para conmemorar novamente o Día Mundial do Chocolate, xornada que vén celebrándose, anualmente, desde o ano 1995, en honra, por unha banda, a Roald Dahl, e por outro, a Milton Hershey.

O primeiro, foi un famoso escritor e autor do famoso libro “Charlie e a Fábrica de Chocolate”, entre moitos outros adaptado ao cinema no ano 1971, cun secuela no 2005 e unha precuela no pasado 2023. E, Milton Hershey, foi fundador dunha das compañías máis importantes de chocolate en Estados Unidos, hoxe con presenza en máis de 90 países, a “Compañía de Chocolates Hershey”, e, artífice das primeiras barritas de chocolate con leite condensado fabricadas no seu país, feito que consolidou a popularización do chocolate, é dicir: producir en masa, prezos asequibles e converter o chocolate nun artigo alcanzable e presente en tódolos fogares. Ese foi, entre outros, o seu gran fito.

A data elixida non é casual. Ámbolos dous personaxes, naceron un 13 de setembro, e, ambos contribuíron á expansión do chocolate, Roald Dahl a través da literatura e o cinema, e Milton Hershey, desde un compromiso social, a mellorar a vida de moitas familias, coa creación dunha cidade para os seus traballadores, con escolas e todo tipo de servizos, gratuítos, en Pensilvania.

Ambos, en definitiva, contribuíron, co seu grao de area, a crear un mundo un pouco mellor.

A Casa do Chocolate de Parada de Sil, polo tanto, tamén celebra este día, abrindo as súas portas con visitas guiadas gratuítas, mostrando coma o chocolate aparece no Cinema e na Literatura Infantil. Mostrando o lugar que o chocolate xogou e o rol destacado que segue xogando en ambas as disciplinas.

 

 

 

E, como non, non faltará o poder saborear no único espazo museográfico adicado ao chocolate en Galicia, unha boa cunca de chocolate quente, con galletas para todos e todas as asistentes, antes de ensinar e poñer en funcionamento as máquinas que elaboraban o famoso Chocolate Caldelas, da familia Casares en Teimende.

Unha vez máis o alcalde Aquilino Domínguez anima a cidadanía a pasar o día en Parada de Sil e aproveitar unha visita guiada gratuíta ço único espazo museístico do chocolate que hai en Galicia.

Esta Xornada de Portas Abertas será gratuíta para tódolos asistentes.
Faranse visitas guiadas ás 12:00 / 13:00 / 17:00 e 18:00 hrs do sábado 13 de setembro.
Visita guiada aconsellada para nenos maiores de 7 anos.

Reserva previa no 689683713 ou ben no email turismo@paradadesil.es ou ben 10 minutos antes do comezo de cada visita guiada.

Back to top button