
O Laboratorio de Restauración Rural (LRR), impulsado polo Concello de San Xoán de Río coa apoio de diversos colectivos e expertos, vén de recibir unha carta da Casa de S.M. o Rei na que se acusa recibo do proxecto e se remite o seu contido á Xunta de Galicia para o seu coñecemento. Na misiva, o xefe do Gabinete de Planificación e Coordinación, Juan Carlos González Díez, transmite “o desexo de Súa Maxestade de que o proxecto se leve a cabo e constitúa un éxito”, o que supón un respaldo de gran relevancia institucional para esta iniciativa público-privada que nace en Ourense con vocación de ser un modelo replicable en toda España.
O LRR é unha iniciativa promovida polo Concello de San Xoán de Río co respaldo de colectivos como Sostenibles Ourense, de profesorado e investigadores da Universidade de Vigo e outros expertos doutras de España. Preséntase como un “espazo colaborativo que integra administracións, sociedade civil e empresas para rexenerar os territorios afectados polos incendios”.
Nun contexto no que a resposta adoita ser fragmentada, o LRR propón unha folla de ruta “compartida, participativa e transparente, capaz de atender ao mesmo tempo o dano ecolóxico, o impacto social e a recuperación económica. O LRR é unha oportunidade única de sumar para multiplicar; non podemos permitir que cada quen actúe polo seu lado”, sinalan os seus promotores.
Que é o Laboratorio de Restauración Rural (LRR)
O LRR constitúese como un modelo innovador de xestión integral do medio rural, estruturado arredor de dez eixes interconectados:
1️⃣ Saúde Integral: atención física e psicolóxica ás persoas.
2️⃣ Auga: protección de recursos hídricos e restauración de ribeiras.
3️⃣ Territorio e Solucións Baseadas na Natureza: ordenación sostible e bioenxeñería.
4️⃣ Gobernanza Local: colaboración estable público-privada.
5️⃣ Fauna e Biodiversidade: recuperación de ecosistemas e especies.
6️⃣ Economía: fomento do emprendemento e emprego rural.
7️⃣ Coñecemento: integración da ciencia e da sabedoría local.
8️⃣ Educación e Comunidade: formación e prevención fronte ao lume.
9️⃣ Clima: conexión entre incendios e emerxencia climática.
🔟 Ciencia e Innovación: tecnoloxía, datos abertos e novas ferramentas.
Con este enfoque, o LRR fixa obxectivos concretos e medibles: restaurar 20 km de ribeiras, xestionar 1.000 hectáreas con modelos de cortalumes vivos, crear 200 empregos directos e ofrecer apoio social e psicolóxico a máis de 10.000 persoas.
Chamamento á participación
O LRR convida a administracións, universidades, empresas, entidades sociais e cidadanía a achegar propostas e sumarse a este proceso colectivo, que busca transformar a vulnerabilidade nunha oportunidade e facer do rural galego un referente europeo en resiliencia.
✉️ As contribucións poden enviarse a través da plataforma: https://linktr.ee/LaboratoriodeRestauracionRural