ConcellosO BarcoÚltima hora

A cea popular abrirá o 14 de agosto as festas de Nosa Señora da Asunción e San Roque en Vilanova (O Barco)

Imaxe da cea popular do pasado ano en Vilanova (O Barco)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Vilanova (O Barco) prepárase para vivir as súas festas patronais na honra de Nosa Señora da Asunción e San Roque os vindeiros días 14, 15 e 16 de agosto. Serán tres xornadas de convivencia, tradición e música que reunirán veciños e visitantes

A festa comezará o venres 14 de agosto cunha cea popular na praza desta localidade, un clásico que ano tras ano congrega a centos de veciños arredor dunha mesma mesa. Estará amenizada por unha discomóbil. Despois, nas xornadas do sábado 15 e do domingo 16 de agosto a música tomará o protagonismo. Ambas noites contarán con actuacións en directo pensadas para todos os públicos, convertendo as rúas e prazas da localidade nun gran escenario onde o baile e a festa se prolongarán ata altas horas da madrugada.

“As festas da Asunción e San Roque son moito máis ca un programa de actos: son unha mostra viva da identidade e o arraigamento cultural de Vilanova”, aseguran dende a comisión de festas, que traballou durante meses para preparar unha edición que combine tradición e diversión.

Dende a organización, que conta co apoio do Concello do Barco, convídase “a todas as persoas interesadas —veciños, familias e visitantes de localidades próximas— a se sumaren a esta celebración. As festas de Vilanova 2026 prometen ser tres días de encontro, alegría e boa música baixo o amparo de Nosa Señora da Asunción e San Roque, patróns que cada agosto congregan todo o pobo arredor das súas tradicións máis queridas”.

 

Back to top button