SanidadeÚltima hora

A central de esterilización do CHUO procesa case 70.000 entradas anuais de material sanitario para garantir unha asistencia segura

Procesa todo o instrumental empregado nas máis de 19.000 intervencións cirúrxicas que se realizan anualmente no Hospital Universitario de Ourense e encárgase tamén da esterilización do instrumental procedente das áreas de consultas, das unidades de hospitalización, dos servizos de urxencias, do 061 e doutros dispositivos asistenciais

A Central de Esterilización do Hospital Universitario de Ourense constitúe un dos servizos máis relevantes para o funcionamento da actividade asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Trátase dun traballo esencial, aínda que pouco visible, do que depende directamente a seguridade dos pacientes e o desenvolvemento da actividade cirúrxica e asistencial dos hospitais.

Situada na planta soto -2 do edificio cirúrxico do Hospital Universitario de Ourense, a Central de Esterilización desenvolve tres funcións fundamentais. Por unha banda, procesa todo o instrumental empregado nas intervencións cirúrxicas que se realizan diariamente no complexo hospitalario e ademais encárgase da esterilización do instrumental procedente das consultas, das unidades de hospitalización, dos servizos de urxencias, do 061 e doutros dispositivos asistenciais. Ademais, subministra aos quirófanos e ás diferentes unidades hospitalarias material funxible estéril, como batas cirúrxicas, campos estériles, gasas ou compresas.

Para Carmen María Aldemira Arias, supervisora de Área de Servizos Especiais, “a magnitude desta actividade no servizo de esterilización reflíctese nos datos rexistrados durante o ano 2025, cando a Central contabilizou preto de 70.000 entradas de material, o que supón unha media de arredor de 250 procesamentos diarios e da unha resposta axeitada ás máis de 19.000 cirurxías programadas e urxentes que se atenden anualmente a área cirúrxica do Hospital universitario de Ourense”. Carmen salienta que “cada unha destas entradas corresponde a instrumental que debe seguir un exhaustivo proceso de limpeza, revisión, preparación, esterilización, control e distribución antes de volver estar dispoñible para o seu uso asistencial”.

 

Carmen Aldemira.

 

Trazabilidade e seguridade

Todo este proceso precisa dunha estrita trazabilidade completamente informatizada que foi implementada nos tres hospitais da área sanitaria de ourensá (Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras) coa posta en marcha dun sistema de xestión integral e da rastrexabilidade total ata o paciente do instrumental susceptible de ser esterilizado.

Christian Paradelo Rodríguez, supervisor do Servizo de Esterilización, salienta que “esta implantación permite coñecer en todo momento a localización exacta e o estado de cada peza mediante sistemas de identificación por código de barras”.

A elevada tecnificación deste servizo require tamén un equipo de profesionais altamente cualificados e cunha formación específica. Christian destaca que “o persoal desta central realiza un labor moi diferente ao desenvolvido noutras unidades asistenciais e desempeña un papel determinante na prevención das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria (IRAS), ao asegurar que todo o material utilizado cos pacientes cumpra os máximos estándares de seguridade e calidade”.

 

 

Unha vez utilizado nos quirófanos, o instrumental é rexistrado, trasladado á Central, sometido a un proceso de lavado e desinfección a alta temperatura, revisado manualmente por profesionais especializados, preparado e empaquetado antes da súa esterilización mediante autoclaves ou equipos específicos de baixa temperatura, segundo as características de cada material. Finalmente, distribúese novamente ás distintas unidades hospitalarias preparado para o seu uso.

Carmen Hermida Fernández, enfermeira do Servizo salienta que “na central de esterilización hai varios controis para asegurar que todo o proceso realízase correctamente. Temos controis físicos que consiste en comprobar que os parámetros das máquinas son os correctos e a maiores temos controis químicos, que van insertados nos paquetes que acompañan ás caixas cirúrxicas, e uns controis biolóxicos para comprobar a eliminación dos posibles microorganismos que puideran sobrevivir ao proceso de esterilización”. Carmen incide que “todos estes controis asegúrannos que todo o material que sae da nosa central está preparado para ser utilizado nos quirófanos con total seguridade”.

 

Screenshot

 

Renovación tecnolóxica

Co obxectivo de continuar mellorando a capacidade de resposta do servizo, incorporouse recentemente unha nova cabina de lavado, cun investimento de 220.000 euros, con capacidade para procesar simultaneamente ata quince contedores de instrumental cirúrxico. Esta actuación complementa os catro equipos de lavado xa existentes e foi acompañada doutras importantes melloras nas instalacións, como a implantación dun novo sistema de extracción de vapores e a ampliación da planta de tratamento de auga de alta pureza, un recurso fundamental para prolongar a vida útil do instrumental e garantir a máxima calidade dos procesos de esterilización. Esta obra recente de acondicionamento xeral de instalacións supuxo un investimento de preto de 50.000 euros.

Segundo o coordinador do servizo, Antonio Araujo Pérez “a instalación do novo túnel de lavado supuxo un gran avance para esta unidade porque ven substituír o traballo que farían tres lavadoras convencionais e ademais estas lavadoras termodesinfectadoras acadan o seu maior rendemento coa nova central de augas desmineralizadas de grande pureza recentemente instalada ao carón da central de esterilización”.

 

 

O coordinador da central destaca tamén a importancia da instalación hai dous anos de novos equipos de esterilización a baixa temperatura para realizar procesos por medio de peróxido de hidróxeno, que supuxo un investimento de 605.000 euros nos tres equipos instalados nos hospitais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Cómpre subliñar que a Central de Esterilización mantén ademais unha estreita colaboración cos profesionais de Electromedicina para garantir o correcto funcionamento dun equipamento altamente especializado, nun contexto no que a renovación tecnolóxica resulta fundamental debido á intensa carga asistencial e á continua evolución dos sistemas de esterilización.

A actividade deste servizo pon de manifesto que detrás de cada intervención cirúrxica e de cada procedemento sanitario existe un amplo conxunto de profesionais cuxo traballo, aínda que discreto e pouco visible para a cidadanía, resulta imprescindible para ofrecer unha atención sanitaria segura, eficiente e da máxima calidade.

Back to top button