EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

A CEO aproba as contas de 2022 e o orzamento para 2023

"Seguimos traballando para poñer en marcha proxectos e iniciativas que contribúan a mellorar a contorna económica e produtiva", dicía a presidenta desta organización na súa asemblea anual en Ourense

 

Esta tarde a Confederación Empresarial de Ourense celebraba a súa asemblea xeral ordinaria no salón de actos da sede de Afundación, na capital da provincia. Reunía a un nutrido grupo de compromisarios que participaron nesta cita anual na que a entidade rende contas da súa actividade. Os asistentes á asemblea (representantes das distintas asociacións e empresas da CEO), aprobaron os puntos da orde do día relativos a contas e orzamentos da confederación, ademais de ratificar o balance de asociados, así como o repaso dos asuntos da entidade relativos ao último ano, establecendo tamén as liñas de actuación e proxectos para o presente exercicio.

A entidade empresarial aprobou no transcurso da reunión as contas do pasado ano que volve a números positivos (+72.000 euros), así como o orzamento para este 2023, (1.185.00 euros), que se ve incrementado nun 24,04% con respecto ao exercicio anterior.

Marisol Nóvoa, a súa presidenta, fixo un repaso do último ano da entidade no informe de actividades, así como da situación e o escenario económico, pero tamén dos 4 anos á fronte da CEO que se cumpren o próximo mes de xuño cualificándoo de “un período moi satisfactorio, pero tamén duro, polas circunstancias tan adversas que atravesamos nestes anos, que ocuparon máis da metade desta etapa”. Destacou igualmente que a parte positiva foi “estar preto de todos os que formades o tecido empresarial, de entender e compartir as vosas necesidades e traballar para tratar de satisfacelas; tamén pola ocasión de converter en propios os vosos problemas e axudarvos na reivindicación das mellores solucións. Podo asegurarvos que o esforzo, o traballo e o empeño estiveron sempre presentes na miña xestión para conseguir os obxectivos marcados e que estes fosen o máis beneficiosos para o tecido empresarial desta provincia.’

A presidenta da CEO fixo alusión a elementos deste novo escenario xeopolítico global como a transición enerxética, a intelixencia artificial ou as inquietudes do sector financeiro como os retos económicos aos que nos enfrontamos este 2023, un ano no que, engadiu “o escenario económico foi incerto, cambiante e, sobre todo, moi complicado para empresas e persoas autónomas, no que, con todo, tivemos que seguir traballando, contratando, pagando impostos e nóminas, producindo, e saíndo adiante a pesar de todos os contratempos”.

Así mesmo referíase á suba de custos, que afectou a todo o tecido empresarial, pero “especialmente nos últimos tempos coas pequenas e medianas empresas, e as persoas autónomas: alza nas cotizacións, inflación (repercutindo sobre todo a enerxía e materias primas) subida do SMI, de impostos… todos estes factores son, en gran medida, os que empeoraron a situación das empresas”.

Desta análise económica, destacou a comparación da situación previa á crise sanitaria e a actual en canto aos custos laborais unitarios, que son un 8’8% superiores aos do catro trimestre de 2019, “un aumento que para as empresas resulta especialmente inoportuno nun contexto como o actual, de incerteza, riscos á baixa para o PIB, maiores custos financeiros e de encarecemento de todo o necesario para a súa actividade fronte aos niveis previos á crise”. Outros datos como o IPC, as expectativas de crecemento da economía ou o sector exterior co repunte de exportacións e importacións no primeiro trimestre do ano (5,8% e 3,1% respectivamente) foron tamén obxecto desta análise económica.

Informe de actividades e proxectos

Marisol Nóvoa, presidenta da CEO, realizou no seu informe un exhaustivo repaso da actividade da entidade no último ano, destacando os proxectos de colaboración público-privada que a entidade leva a cabo con distintas administracións.

A presidenta aproveitou para facer balance de Conecta Ourense, a iniciativa que conta con oficinas en Ourense, Verín e O Barco para detectar o potencial innovador de empresa e que permite asesorar e apoiar a pemes e autónomos e asistilas na tramitación das axudas máis adecuadas para os seus proxectos e actividades. Ademais, Conecta Ourense desenvolveu tamén foros empresariais nas zonas onde se sitúan as oficinas; xornadas informativas para dar a coñecer estas axudas, como as dos fondos europeos ou os bonos de innovación. O resultado final, ata o momento, é que todas estas actividades desenvolvidas -ben presenciais ou por outros medios telemáticos-, alcanzaron xa a 457 empresas na provincia, entre empresas asesoradas e participantes nalgunha destas accións organizadas por Conecta Ourense e que se incorporaron á súa base de datos. Igualmente, hai que destacar as 120 axudas xestionadas, das que 105 foron tramitadas á Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Outros proxectos apuntados por Marisol Nóvoa no seu informe levaron a cabo durante o último ano acciones encamiñadas á dixitalización no tecido empresarial, algunhas delas enfocadas sobre todo ao sector vitivinícola; á internacionalización das empresas ourensás, á posta en marcha de iniciativas sostibles vinculadas ao territorio sobre todo en zonas rurais, ou á reincorporación laboral de maiores de 45 anos. Trátase de iniciativas como o Impulso de Proxectos Tractores de Competitividade no Sector Vitivinícola: Dixitalización e Industria 4.0; ExportOU, a Oficina Acelera Peme, o Laboratorio de Iniciativas Sostibles da Rede Eusumo, ou Reactiva 45, entre outros proxectos vinculados á consecución dun tecido empresarial máis sostible, innovador, moderno e dixitalizado.

Tamén houbo mención no informe da presidenta das actividades, foros e eventos empresariais nos que a CEO representa ao tecido empresarial da provincia ou arroupa coa súa presenza as accións convocadas. É o caso de presentacións de iniciativas de empresas, de proxectos, congresos, colaboracións con organismos da administración como o programa Responsabilízache da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ou actos reivindicativos como o encontro en Santiago con todas as entidades implicadas pedindo celeridade e financiamento para o Corredor Atlántico. O informe fixo repaso tamén das accións divulgativas da CEO no último ano como xornadas informativas, foros ou eventos empresariais como a celebración do 45 aniversario da entidade.

 

 

Clausura de Lorenzo Amor

O peche desta asemblea estivo protagonizada por Lorenzo Amor, presidente da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA), que interveu ante autoridades locais e autonómicas como Covadonga Toca, secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense; Elena Rivo, vicerreitora do Campus de Ourense; os presidentes da CEG, Juan Manuel Vieites, e da CEC Antonio Fontenla, Rosendo Fernández, presidente do Inorde; Rogelio Martínez, xerente de Expourense; Julio Vila, vicepresidente do Colexio de Economistas, e os representantes de Abanca Rubén Saavedra (director territorial en Ourense), José Manuel Nogueira e Mateo Alonso (coordinadores de Banca Institucional en Ourense e Pontevedra).

Marisol Nóvoa presentou ao invitado para clausurar a asemblea lembrando que ATA ten 280.000 socios, alberga no seu seo a máis de 300 organizacións rexionais e sectoriais, e representa a máis de medio millón de autónomos e autónomas.

Pola súa banda, Lorenzo Amor, presidente desde 2004 da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos e vicepresidente de CEOE desde 2019, interveu no acto de clausura e lembrou que “os salarios nos novos convenios de 2023 subiron por encima do 4%, polo que amenten quen di que os empresarios non queremos que suban os salarios e que bloqueamos a negociación colectiva”.

 

Artigos relacionados

Back to top button