A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) escollía a comarca de Valdeorras para celebrar este venres 25 de setembro a súa xunta directiva, en colaboración coa Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva). Trátase da segunda ocasión este ano -tras a celebrada en maio no Polígono de San Cibrao- en que esta reunión sae da sede empresarial co “obxectivo de achegar ás distintas comarcas a xestión da entidade e ao mesmo tempo visibilizar e recoñecer o labor das asociacións territoriais de empresarios que integran a CEO, alén de fomentar o coñecemento máis directo da realidade empresarial de cada comarca”, segundo indican dende a entidade.
A xornada incluía distintos actos, previos á celebración da propia xunta directiva, e comezaba coa visita a dúas empresas que forman parte de Aeva: Piscilor en Quiroga, e a estación de Iberdrola en Valencia do Sil. Na primeira, o seu xerente, Silvia López, realizaba un percorrido polas distintas balsas onde crían troitas arco da vella explicando o proceso desde a reprodución inicial e a incubación ata o seu destino final, que son empresas de hostalería, alimentación e particulares que poden acudir alí tamén a adquirir este peixe.
A continuación, o grupo de asistentes foi recibido na estación de bombeo de Iberdrola por Miguel Ángel López, director de Xeración Sil – Támega e Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia, quen mostrou o funcionamento desta central de bombeo, que almacena enerxía a gran escala para usala en caso de necesidade.

Posteriormente, o complexo hostaleiro Paladium acollía a reunión de xunta directiva e a súa clausura, que correu a cargo de Ángela de Miguel, presidenta de Cepyme. No encontro, que se celebrou en formato híbrido (presencial e en liña), alén de abordar os asuntos habituais de ámbito interno, destacou o informe de xestión do presidente, David Martínez, quen fixo un percorrido pola actividade máis destacable da organización nos últimos meses, tanto no plano representativo, como o abanico de servizos e proxectos que a CEO está a levar a cabo.

O presidente da CEO aproveitou a súa intervención para repasar os principais indicadores da economía provincial, facendo alusión ao mercado laboral, a inflación ou a situación xeopolítica do momento. David Martínez lembrou que o envellecemento da poboación, a falta de remuda xeracional e a escaseza de perfís cualificados seguen lastrando o mercado laboral, e advertiu de que a inflación se acelera (4,8% en Galicia en agosto) polo encarecemento da enerxía derivado do conflito EEUU-Irán, o que presiona a pemes e autónomos.

Concluíu a súa intervención asegurando que a CEO seguirá reforzando servizos e proxectos para impulsar a competitividade do tecido empresarial, en colaboración con comarcas como Valdeorras. Neste sentido, lembrou tamén que a entidade continúa apoiando as reivindicacións desta zona como a execución da A-76 como infraestrutura estratéxica para a competitividade, a mellora da actual N-120, a modernización e potenciación do ferrocarril, o reforzo das infraestruturas enerxéticas ou a conectividade dixital, como elementos clave para garantir o futuro económico e social do territorio.

Clausura de Ángela de Miguel
A presidenta de Cepyme, Ángela de Miguel, participou nesta xornada de encontro empresarial e realizou a clausura da reunión. Na súa intervención, sinalou que “as pemes, que representan máis do 99% das empresas españolas, demostraron unha enorme capacidade de resistencia, pero non podemos conformarnos con que resistan: necesitamos que teñan marxe para investir, contratar, innovar e competir”.

Neste sentido, a presidenta de Cepyme reclamou crear unha contorna que favoreza a creación de empresas, a súa continuidade e desenvolvemento e o investimento para crecer e crear emprego. “Unha contorna na que se eliminen cargas burocráticas e se aplique o principio Think Small First, para lexislar pensando na realidade das pequenas e medianas empresas, porque coidar ás nosas pemes significa coidar a quen xera preto do 70% do emprego, pero significa tamén manter actividade nos nosos municipios, ofrecer oportunidades aos nosos mozos e conseguir que territorios como Ourense poidan construír o seu futuro desde as súas propias empresas”, remataba.
Xunto a ela sentábanse na mesa os presidentes da CEO e de AEVA, así como o director territorial de Abanca, José María Jardón. O acto finalizaba cunha entrega de agasallos aos participantes na clausura e, deseguido, cun xantar.
Fotos: O SIL.
