A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) clausuraba hoxe a primeira edición do seu programa formativo de intelixencia artificial aplicada á xestión de asociacións, un proxecto pioneiro dirixido ás persoas que xestionan e administran asociacións de empresariais de ámbito sectorial ou comarcal.
Seis asociacións empresariais da provincia de Ourense participaron no primeiro programa de capacitación dixital para xerentes de entidades impulsado pola CEO no marco da iniciativa ExportOU, con apoio da Deputación de Ourense. As entidades de Cortegada, Valdeorras, Verín, Celanova e Xinzo de Limia foron as participantes de ámbito comarcal, ás que se sumou a asociación de autónomos da provincia. As xerentes destas asociacións aprenderon, ao longo de seis talleres prácticos, a incorporar ferramentas de intelixencia artificial a tarefas cotiás como a redacción de actas e comunicacións, a organización documental, a xestión económica e a captación de socios, co obxectivo de liberar tempo para dedicalo ás persoas e aos proxectos.
Todas elas expuxeron de primeira man as súas experiencias na realización deste programa formativo piloto, que lles facilitou avances na xestión diaria das asociacións. As participantes destacaron a gran oportunidade que supuxo esta formación no seu día a día, pero sobre todo a comunidade que se formou, un espazo permanente de colaboración, intercambio de experiencias, aprendizaxe e acompañamento entre asociacións empresariais, ao que a CEO quere dar continuidade en próximas edicións.
A benvida correu a cargo de David Martínez, presidente da CEO, quen destacou o carácter transformador desta iniciativa, que ‘empezou formando a persoas e termina formando unha comunidade de xerencias e asociacións que continuará compartindo e enriquecendo esta aprendizaxe’. A orixe desta formación sitúase no contacto directo, a escoita activa e o coñecemento directo que a CEO mantén da realidade das asociacións ourensás. Do coñecemento do seu día a día, a CEO identificou a necesidade de ofrecer ferramentas que axudasen ás súas xerencias para gañar eficiencia e dedicar máis tempo ás tarefas de maior valor, segundo explicou Martínez na súa intervención.
Consuelo Verdú, directora académica do programa formativo, interveu tamén para explicar a evolución das participantes e o desenvolvemento dos talleres, así como o impacto do programa e as áreas traballadas: estratexia, gobernanza, asociados, finanzas, subvencións e mercadotecnia e comunicación.

Verdú, que se axudou para presentar os resultados dun asistente virtual creado para a ocasión, destacou que ‘a intelixencia artificial non vén substituír a quen xestiona unha asociación, senón a que deixe de facer tarefas repetitivas para centrarse no que de verdade importa”. A súa intervención completárona as seis participantes no programa, xerentes e presidentas das distintas entidades: Fátima Moreira -Cortegada-; Diana Edreida, -profesionais autónomos-; Raquel Rodríguez, -Valdeorras-; Andrea González -Celanova-, Concepción Ojea -Xinzo de Limia- e Beatriz Duarte -Verín-.
O acto de clausura e entrega de diplomas contou coa intervención de Luis Menor, presidente da Deputación, quen subliñou que “ou noso principal investimento é nas persoas, non só na tecnoloxía”, poñendo o foco na capacitación das xerencias das asociacións empresariais e destacando o valor do programa como investimento no capital humano do territorio. Igualmente, Luis Menor felicitou á CEO pola iniciativa e ás asociacións participantes e destacou a colaboración da Deputación desde hai anos no proxecto Exportou ‘un programa tan importante para a competitividade dás empresas ourensás’.
Máis aló da formación, o programa deixa como principal legado o xerme dunha comunidade de asociacións que compartirán coñecemento e boas prácticas de forma continuada. A CEO prevé abrir novas edicións para incorporar a máis asociacións do territorio.
Este programa piloto forma parte de exportou>CAPACITA un dos 3 eixos que na actualidade desenvolve ExportOU, un proxecto que comezou para impulsar a exportación e que hoxe é un modelo integral de acompañamento, que incorpora ferramentas, coñecemento e servizos orientados a resultados.
