OurenseÚltima hora

A CEO crea o Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa e distingue a Ana María Méndez na súa I edición

 

Con motivo do Día Internacional da Muller a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebraba na mañá deste luns 9 de marzo un acto no que anunciaba a creación do ‘Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa’, unha nova distinción destinada a poñer en valor a traxectoria e o liderado de mulleres referentes no tecido empresarial e profesional.

O evento tiña lugar no patio da sede empresarial, onde se congregaba ao redor dun centenar de mulleres e homes procedentes de distintos sectores empresariais, entidades e organismos da provincia, nun encontro que puxo de relevo o compromiso da organización coa igualdade de oportunidades no ámbito económico e social.

Durante a súa intervención, o presidente da CEO, David Martínez, destacou que este recoñecemento “está destinado ás mulleres da provincia e co obxectivo de manter no tempo o legado de Marisol Novoa que tanto fixo pola muller e por esta provincia”.

 

 

A vicepresidenta da CEO, Beatriz Gómez, era a encargada de presentar oficialmente o ‘Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa’, que nace para “honrar a memoria de quen foi presidenta da organización entre 2019 e 2025 e pioneira ao converterse na primeira muller en presidir unha organización empresarial provincial en Galicia”. O galardón, explicou, ‘”nace con vocación de continuidade para celebrarse cada ano en torno ao 8 de marzo e recoñecer traxectorias que contribuísen ao desenvolvemento económico e social desde o liderado feminino”.

Nesta primeira edición, a CEO outorgou este recoñecemento a Ana María Méndez Gómez, pola “súa destacada traxectoria profesional e o seu compromiso co impulso do asociacionismo feminino e a igualdade de oportunidades”. Méndez foi presidenta da Asociación de Empresarias de Ourense (AME) durante tres mandatos e foi tamén a primeira presidenta da Federación Hispano-Lusa de Empresarias, ademais de continuar actualmente o seu labor en iniciativas orientadas a visibilizar o papel das mulleres en distintos ámbitos profesionais.

Coa creación deste recoñecemento, a CEO busca “consolidar unha cita anual que manteña vivo o legado de Marisol Novoa e continúe impulsando o liderado feminino no ámbito empresarial”.

Back to top button