
No seu esforzo por mellorar a xestión e control dos recursos hídricos, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), executou unha nova estación do Sistema Automático de Información de Calidade das Augas (SAICA) no río Sil, ao seu paso polo municipio ourensán do Barco de Valdeorras.
Os traballos consistiron na instalación dunha sonda multiparamétrica que fornecerá datos en tempo real de variables físico-químicas tan importantes para a calidade das augas como a turbidez, o osíxeno disolto, a condutividade, a concentración de amonio ou o pH, así como a temperatura da auga.
Este sistema permite detectar os episodios de contaminación accidental que se poidan producir nesta masa de auga e actuar de forma máis rápida e eficaz; así mesmo, poderase facer un mellor diagnóstico e control en continuo do estado da masa de auga do río Sil.
O envío dos datos desde a nova estación ata a súa recepción no centro de control de conca (CECU) da CHMS, situado na cidade de Ourense, leva a cabo vía satélite recibíndose un valor de cada variable cada quince minutos, datos que se publican na páxina web da CHMS para consulta pública.
Esta nova estación englóbase dentro do proxecto de ampliación e mellora da rede SAICA no marco do Proxecto RISC_PLUS, cuxo obxectivo é o deseño de medidas conxuntas orientadas á prevención, preparación, protección, predición e unha mellor xestión #ante os fenómenos extremos, tales como inundacións, secas e fenómenos de contaminación accidental, así como avaliar e combater os efectos do cambio climático na demarcación internacional das concas dos ríos Miño, Sil e Limia.

A actuación no Barco supuxo un investimento total de 55.526,45 euros, dos cales 48.075,27 euros para a execución da obra e 7.451,18 euros para a asistencia técnica e coordinación de seguridade e saúde.
“A demarcación do Miño-Sil conta con 123 estacións que facilitan información hidrolóxica (SAIH) e 20 delas están dotadas de tecnoloxía específica para achegar, ademais, datos de calidade das augas (SAICA)” concluíu Carlos Guillermo Ruiz do Portal, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica
POCTEP RISC_PLUS, un proxecto cofinanciado por FEDER
As accións realizadas baixo o proxecto POCTEP RISC_PLUS están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VIN A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea. Do investimento na estación do río Sil no Barco, que ascende a 55.526,45 euros, sufráganse 36.285,75 euros a través do proxecto europeo POCTEP RISC_PLUS.
Fotos cedidas.
