ConcellosÚltima horaViana do Bolo

A CHMS investirá 2M€ en construír 5 depósitos e unha nova EDAR e Viana do Bolo, tras asinar un convenio co Concello

“Construiranse 5 depósitos de almacenamento da auga que minimizará os efectos das secas nas explotacións gandeiras e que servirán, ademais, para recárgaa dos equipos de extinción en caso de incendio”, explicaba Quiroga

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), e Germán García-Ávila, alcalde de Viana do Bolo; asinaban na mañá deste 17 de xullo un convenio de colaboración que posibilitará a construción de 5 depósitos de almacenamento de auga para o municipio e unha nova EDAR que dará servizo a 1000 habitantes/equivalentes.

Os dous convenios rubricados hoxe determinan as condicións para o financiamento, execución das obras e posterior entrega ao concello para o seu mantemento e conservación.

Depósitos de auga para pastos

As explotacións gandeiras situadas no termo municipal de Viana do Bolo forman parte dun sistema tradicional de aproveitamento de recursos naturais que dependen en gran medida da existencia de auga, non soamente para o abastecemento do gando, senón tamén para o aproveitamento das superficies de pastos e dos cultivos tradicionais destas zonas.

No momento actual, no que os períodos de seca prolongada son cada vez máis recorrentes a falta de dispoñibilidade de auga para os usos citados, supón un risco para as explotacións gandeiras, apunta a CHMS.

Atendendo ao anterior, “Construiranse 5 depósitos de almacenamento da auga que minimizará os efectos das secas nas explotacións gandeiras e servirán, ademais, para recárgaa dos equipos de extinción en caso de incendio”, explicaba José Antonio Quiroga.

“A utilización dos depósitos será para acumular auga durante o inverno e a primavera, para o seu uso na extinción de incendios e para os pastos e abastecemento do gando das explotacións da zona, cando exista escaseza do recurso”, engadía o presidente da confederación.

Os depósitos situaranse o máis próximo posible á captación de auga e o seu emprazamento será o seguinte:

* Balsa nº 1: Parroquia de Bembibre no regato do Chao.
* Balsa nº 2: Parroquia de Pixeiros no regato de Leiras
* Balsa nº 3: Parroquia de Fradelo na fonte de O Serro.
* Balsa nº 4: Parroquia de Quintela de Edroso no regato de Debesa de Outarigo
* Balsa nº 5: Parroquia de Vilaseco no regato de Os Muíños.

 

 

Solución á problemática de saneamento

Actualmente a EDAR “A Galega”, unha das dúas pensadas para dar servizo á capitalidade do municipio, sitúase en zona inundable e está fóra de servizo desde o ano 2001, o que implica verteduras de augas residuais sen ningún tipo de tratamento.

As actuacións proxectadas consistirán na demolición da EDAR mencionada e na construción dunha nova EDAR dimensionada para 1.000 habitantes equivalentes, situándoa nunha cota superior á anterior, para evitar o risco de inundación. Ademais, estes traballos complementaranse cun tanque de tormentas e as conexións á rede de saneamento existente.

Investimento

Ambas actuacións supoñen un investimento que alcanza os 2.000.000 € e que serán sufragados en porcentaxe dun 95% pola CHMS e dun 5% polo Concello.

“Desde o Goberno de España demostramos o noso firme compromiso de colaboración cos Concellos que solicitan a nosa axuda, proxectando actuacións que, dentro das nosas competencias, axuden a preservar a integridade e os bens da cidadanía e que, ademais, redunden en beneficio do medio ambiente e do desenvolvemento sostible”, concluía Quiroga.

Back to top button