José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e a alcaldesa da Rúa, María González Albert, asinaban esta mañá o convenio de colaboración que posibilitará melloras no sistema de saneamento do municipio, en concreto, na zona das Pinguelas. O presente acordo ten por obxecto determinar as condicións para a colaboración entre as partes outorgantes para o financiamento e execución das obras.
As obras consistirán na construción de colectores de saneamento para dar servizo ás antigas adegas situadas en ambas as marxes do leito, para a súa conexión, mediante bombeo, á rede municipal.
Unha vez finalizadas e recibidas as obras por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, comunicarase ao Concello da Rúa tal circunstancia, anexando unha copia da acta de recepción, sendo entregadas para a súa xestión, mantemento e conservación. O investimento total necesario estímase en 265.000 €, que serán sufragados nun 95% pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o 5% restante polo Concello.
“Este é un convenio que para nós era realmente importante”, dicía a rexedora ruesa no acto da sinatura, “que pretende dar un pulo, valorizar unha zona especialmente sensible para este Concello como é a das Pinguelas, que ten un altísimo valor etnográfico e natural. E o feito de poder realizar esta actuación, vai permitirlle esa valoración”.
“As obras consistirán na construción das infraestruturas de saneamento necesarias para dar servizo á zona das antigas adegas A Pinguela, situadas en ambas as marxes de Regato da Rúa, coas que se conseguirá evitar as verteduras incontroladas ao medio natural”, segundo indicaba o presidente da CHMS.
“Actuacións de saneamento que contribuirán a poñer en valor unhas antigas edificacións en desuso que, pola súa singularidade, están incluídas no catálogo de elementos patrimoniais de Galicia” indicou a alcaldesa
“A colaboración entre Administracións é clave para avanzar en proxectos que valoricen a nosa riqueza natural e patrimonial e que melloren e preserven o medio ambiente, para un desenvolvemento máis sostible”, concluía o presidente.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.