OurenseÚltima hora

A CHMS realiza plantacións de especies autóctonas nos ríos Miño, Limia e Faramontaos

“As actuacións propostas favorecen a recuperación e funcionamento dos ecosistemas de ribeira asociados aos tramos definidos, aumentando a súa resiliencia fronte ao cambio climático”, sinala o presidente da confederación

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) continúa os traballos de conservación e mellora dos ríos da demarcación. Esta semana proseguen os traballos de repoboación de especies autóctonas en varios leitos nos que se detectou ausencia de vexetación arbórea; “estas plantacións mellorarán a estabilización de marxes e evitarán a colonización de especies alóctonas nos ríos Miño, Limia e Faramontaos, ao seu paso polos municipios de Ourense, Rairiz de Veiga e Xinzo de Limia, respectivamente”, tal e como informa o organismo de conca.

“Esta falta de vexetación xera unha descontinuidade no corredor ecolóxico, aumentando o risco de desprendemento dos noiros de ribeira e/ou a colonización por especies alóctonas, diminuíndo a resiliencia e o efecto amortiguador da vexetación de ribeira ante as avenidas en momentos de grandes crecidas do leito”, explica José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.

Actuacións

Entre as actuacións en execución está o estaquillado con Salix sp.e Alnus sp. recollido in situ augas arriba e/ou abaixo dos tramos propostos, que permita recuperar progresivamente a vexetación de ribeira. Estímase que se implantarán 800 estaquillas.

Plantación manual de frondosas autóctonas no Miño e no Faramontaos; 690 exemplares de Fraxinus angustifolia, Betula celtibérica e Acer pseudoplatanus.

O tramo localizado no río Limia repoboarase con Fraxinus angustifolia, Betula celtibérica, Corylus abelá, Crataegus monogyna e Frangula alnus; excluíndose a parte incluída dentro do ZEC Veiga de Ponteliñares.

 

 

“As actuacións propostas favorecen a recuperación e funcionamento dos ecosistemas de ribeira asociados aos tramos definidos, aumentando a súa resiliencia fronte ao cambio climático”, conclúe Quiroga.

Este traballos que supoñen un investimento estimado de 45.800 € e están enmarcados no encargo para o Servizo de Conservación e mellora dos leitos da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil en Galicia, cofinanciadas polos Fondos FEDER no marco do Programa Operativo Plurirregional de España 2021- 2027.

Back to top button