SanidadeÚltima hora

A CIG-Saúde critica a falta “de atención médica en Viana e Vilariño na mañá deste sábado”

Dende a xerencia da área sanitaria ourensá asegúrase que "a cobertura asistencial nesta mañá estivo totalmente garantida coa médica do Centro de Saúde da Gudiña"

Centro de Saúde de Viana do Bolo.

 

Dende CIG-Saúde de Valdeorras vén de emitirse neste 8 de novembro unha nota de prensa na que se asegura que “os xestores do Sergas do Distrito Sanitario de Valdeorras veñen de deixar sen atención médica esta mañá de sábado aos Centros de Saúde dos concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Indican estes xestores que se alguén destes concellos precisa atención médica que vaia ao concello da Gudiña a buscar un médico/a”.

Segundo CIG-Saúde de Valdeorras, “sabemos, por ter falado con varias persoas, que non se comunicaron con elas para preguntarlles se aceptarían ou non facer esta quenda de mañá que deixan descuberta”. Nese senso, dende esta central sindical iínstanse ao Sergas “á corrección desta anormalidade de xestión sanitaria, pedimos a dimisión da dirección da atención primaría ourensá e pedímoslle á cidadanía do noso distrito sanitario unha masiva presenza na manifestación que en defensa da sanidade pública terá lugar o dia 22 de novembro ás 6 da tarde no Concello do Barco de Valdeorras”. E conclúe asegurando que “a atención sanitaria é un dereito legalmente recoñecido, non un nicho de negocio privado”.

 

Cedida.

 

Sergas: “A cobertura asistencial nesta mañá estivo totalmente garantida coa médica do Centro de Saúde da Gudiña”

Dende a Xerencia Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco explícase que “o Centro de saúde de A Gudiña asumiu a atención médica do Centro de Saúde de Viana debido á imposibilidade de encontrar un médico subsituto. A Dirección de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras que planifica de xeito permanente a asistencia sanitaria na provincia, informou en todo momento, e con suficiente antelación, aos profesionais do Centro de Saúde de Viana, de A Gudiña e ao servizo de emerxencias sanitarias do 061”.

Neste senso, a xerencia da área sinala que “a cobertura asistencial nesta mañá estivo totalmente garantida en todo momento coa médica do Centro de Saúde de A Gudiña o que asumiu a posible demanda asistencial. Cómpre subliñar que a continuidade asistencial no Centro de Saúde de Viana tamén estivo garantida durante todo a mañá deste sábado coa presenza permanente dun profesional de enfermaría que deu resposta a demanda dos usuarios”.

Back to top button