ConcellosÚltima horaViana do BoloVídeos

A colaboración veciñal evitaba a pasada noite que o lume entrase en Vilarmeao (Viana do Bolo)

 

Nunha situación de lumes tan difícil como a que se está vivindo nestes días na provincia de Ourense a solidariedade e a colaboración veciñal está sendo clave para frear as lapas e evitar que os incendios entren nas aldeas. É o que sucedía a pasada tarde-noite do 13 de agosto en Vilarmeao (Viana do Bolo), que se vía ameazada polas chamas do incendio iniciado en Mormentelos (Vilariño de Conso), días atrás.

Todo empezaba pola tarde. “Xa houbera días antes lume e non quedou ben apagado, estivo fumegando e debeu ser aí onde se reavivou e comezou a estenderse”, explica Lolita, unha das veciñas de Vilarmeao.

 

 

A rápida mobilización dos veciños de Vilarmeao, aos que se sumaban os de Raigada (Manzaneda) e os de Mormentelos (Vilariño de Conso), aos que ao final se sumaba unha brigada, conseguía frear as chamas e evitar que o lume entrara na localidade, aínda que quedou moi preto. “Conseguiuse que o lume non entrara, estivo preto da igrexa, a uns cen metros ou así”, matiza esta veciña.

Agora mesmo a situación en Vilarmeao está controlada. “Aínda segue fumegando, pero xa está lonxe e controlado, xa estamos máis tranquilos, foi unha noite longa para a veciñanza. Hai tantos lumes que ao final as brigadas non dan abasto.”, engade Lolita.

 

 

Unha situación semellante, engade, vivíase tamén en Requeixo (Manzaneda), “onde tamén estiveron toda a noite en vilo, porque ademais hai xente que tiña colmeas e estiveron toda a noite pendentes, ao final puideronas salvalas, pero estiveron ata as 5h. apagando e en tensión”, comenta esta veciña de Vilarmeao.

Fotos e vídeo cedidos.

Ver vídeo:

https://www.facebook.com/reel/1089272446502591

Back to top button