ConcellosÚltima hora

A Comisión de Seguimento do Xeodestino Trevinca-Valdeorras acorda adherirse ás reivindicacións sobre as paradas AVE na Gudiña

 

A Casa Grande de Viloira albergaba este mediodía unha reunión da Comisión de Seguimento, así como da Mesa de Calidade do Xeodestino de Trevinca-Valdeorras, integrado polos municipios de A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.. As reunións estiveron presididas polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández, ás que tamén asistiu a xerente deste órgano da Deputación, Emma González.

En ambas reunións acordouse, por unanimidade, a adhesión ás reivindicacións sobre as paradas e horarios do AVE na estación de A Gudiña – Porta de Galicia. Esta solicitude foi formulada en Mesa de Calidade por parte da representante da Ruta do Viño de Valdeorras, Montserrat Rodríguez e logo trasladada á Comisión de Seguimento por parte da presidenta do GDR de Valdeorras, María del Carmen González.

Con este posicionamento, o Xeodestino de Trevinca-Valdeorras amosa públicamente a súa preocupación ante o anuncio de Renfe de reducir frecuencias e eliminar paradas de tren AVE en A Gudiña, co prexuízo económico, de conectividade e estratéxico que suporá para este territorio en particular e a provincia en xeral.

 

 

Comisión de seguimento

Entre os asuntos que se abordaron aprobouse a liquidación da anualidade 2024, realizando tamén un balance das accións desenvolvidas como foron a creación dunha nova guía turística que abarca os 9 municipios do Xeodestino, a formación e creación de ecoexperiencias que foron presentadas o pasado mes de abril e actividades divulgativas do enoturismo realizadas na cidade da Coruña para estimular o turismo de proximidade especialmente en época baixa.

As accións previstas para este ano, e aprobadas pola comisión terán como obxectivos a creación de produto turístico enfocado a turismo agroindustrial ou enoturismo; diferentes actuacións de promoción como é o caso da participación en feiras sectoriais ou a elaboración dun plan de comunicación e redes sociais. Así como a elaboración dunha guía de rutas de sendeirismo nos municipios integrantes do Xeodestino; así como a continuación dos procesos de captación e formación dos servizos turísticos no Sistema Integral de Calidade Turística.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button