
A Comisión Executiva do Eixo Atlántico reuníase este martes 17 de novembro en Matosinhos (Portugal) para abordar as principais liñas de traballo da entidade e aprobar o orzamento correspondente ao exercicio de 2027, que ascende a 5 millóns de euros.
Durante a reunión acordouse tamén que a próxima Asemblea Xeral do Eixo Atlántico se celebrará en Guimarães no vindeiro mes de febreiro. Nesta asemblea, os representantes dos municipios membros aprobarán as liñas estratéxicas para 2027, recollidas no programa anual e no plan de acción. A asemblea coincidirá coa inauguración da IX Capital da Cultura do Eixo Atlántico, que se desenvolverá en Guimarães ao longo de 2027, cunha ampla programación de actividades culturais.
A aprobación do orzamento permitirá dar continuidade ás liñas de traballo do Eixo Atlántico e reforzar a súa actividade en ámbitos como o desenvolvemento económico, o turismo, a sustentabilidade urbana, a cultura, a educación, o deporte e a cooperación internacional.
A Comisión Executiva aprobou tamén o informe de xestión e o informe económico presentados polo presidente do Eixo Atlántico, Luis Nobre, e polo secretario xeral, Xoán Vázquez Mao.
2026: un ano de actividade e cooperación entre cidades
A Comisión Executiva fixo balance das principais accións desenvolvidas polo Eixo Atlántico ao longo de 2026, un ano marcado pola cooperación internacional, a análise dos retos territoriais e a promoción de iniciativas conxuntas en diferentes ámbitos.
A nivel europeo, o Eixo Atlántico liderou sete proxectos relacionados co turismo, o reto demográfico e a prevención de incendios, reforzando a cooperación entre territorios e a súa participación en iniciativas de dimensión internacional.
A planificación e a análise territorial tamén ocuparon un lugar destacado. Ao longo do ano elaboráronse estudos e informes sobre cuestións clave para o futuro das cidades, como o informe socioeconómico de Galicia e do norte de Portugal, a planificación urbana e a prevención dos incendios forestais. Estes traballos abordan retos como o desenvolvemento económico local, o impacto das temperaturas extremas na saúde pública no contexto dos efectos do cambio climático e a relación entre o despoboamento rural e o aumento do risco de incendios.
No ámbito do turismo, cómpre salientar a celebración da IX Expocidades en Amarante, un evento que dá a coñecer a oferta cultural, gastronómica e comercial dos municipios e promove o turismo local. O Eixo Atlántico continuou traballando en novos modelos de turismo sostible e de excelencia, como o turismo policéntrico e o turismo de autor, orientados a diversificar os destinos, distribuír mellor os fluxos de visitantes e poñer en valor a identidade e os recursos propios de cada territorio.
Nesta liña destaca o proxecto europeo POST (Turismo Sostible Policéntrico), financiado polo programa Interreg Atlantic Area e liderado polo Eixo Atlántico, que promove o intercambio de experiencias e o desenvolvemento de estratexias para avanzar cara a un modelo turístico máis equilibrado e sostible.

Esta aposta estendeuse tamén ao ámbito da cooperación internacional a través dun proxecto de cooperación triangular, financiado pola AECID, no que participan o Gabinete do Historiador da Cidade da Habana, o Fondo do Centro Histórico da Cidade de México e a Câmara Municipal de Ribeira Grande de Santiago – Cidade Velha, en Cabo Verde. O proxecto promoveu o intercambio de coñecementos e experiencias entre institucións de diferentes países sobre turismo sostible, xestión de centros históricos e conservación do patrimonio, co obxectivo de compatibilizar a actividade turística coa calidade de vida da poboación residente.
A cultura e a educación continúan a ser espazos fundamentais de encontro entre Galicia e o norte de Portugal. Entre as iniciativas desenvolvidas destacan a XV Bienal de Pintura Itinerante, a Exposición Antolóxica da Bienal, con sede permanente en Viana do Castelo, os intercambios escolares entre centros educativos de ambos os territorios e a IX Mostra Musical de Vilalba, que reúne conservatorios e escolas de música para promover novos talentos e o intercambio cultural.

O deporte continuou a desempeñar un papel importante como ferramenta de convivencia e integración. Os XVI Xogos do Eixo Atlántico, que se celebran cada dous anos e reúnen 2.200 mozos e mozas deportistas, promoven valores como a igualdade, a inclusión, o respecto e o traballo en equipo. Esta liña de acción complétase coa promoción do deporte adaptado, co obxectivo de ampliar a participación e garantir a igualdade de oportunidades.
Paralelamente a este evento deportivo, o Eixo Atlántico continuou a promover competicións adaptadas, como o IV Torneo Eixo Atlántico de Boccia, Boccia DI e Boccia BC3, celebrado en Vila Nova de Famalicão, que reuniu 130 deportistas de 13 municipios, distribuídos en 25 equipos. Estas iniciativas reforzan o compromiso da entidade co deporte inclusivo e a igualdade de oportunidades, promovendo a participación de todas as persoas.