Dende as proximidades da Casa do Pobo de Mourisca (Viana do Bolo) cobraba vida arredor das 17h. da tarde deste 22 de febreiro a comitiva da Comparsa, encabezada polo seu Director, os Músicos e o resto de personaxes, entre eles dous Vellos de Esquilas, que ían abrindo paso no percorrido. Esta é unha das manifestacións máis senlleiras do Entroido vianés.
Iniciaban unha ronda pola localidade que remataba nun prado. Alí dábase paso á representación propiamente dita da Comparsa. Primeiro, cos brindes do Director. “Gústame moito xogar ao tute/ tamén me gusta xogar á brisca,/ ímoslle tocar unha,/ ao pobo de Mourisca”. Ían seguidos de pezas musicais, dedicadas de forma xenérica, nuns casos, e, noutros, a persoas concretas. “Ímoslle tocar unha/ a Javi de Santa Mariña/ que este ano foi pai/ e tivo unha menina”. Os nomeados agradecían os versos cun donativo.
Non faltaba tampouco o solemne discurso á bandeira, tamén en verso, nin unha peculiar disputa da Señorita cos de esquilas, así como outras disputas en tono satírico nas que se repasaba a realidade local con referencias á política municipal, pero tamén a outros temas de índole nacional como á reacción social para facer fronte á catástrofe da DINA, ás multinacionais, ou mesmo á política internacional ou ao fútbol.

De feito, xa chegando ao momento álxido da representación, tiña lugar un rocambolesco parto dobre dunha burra da que primeiro nacía Vinicíus junior e, finalmente, nun complicado parto, Trump.
A representación despedíase, como manda a tradición, cos versos do Director: “Agora sen máis espera/ vamos a ter que despedirnos/ este Director pon punto e final/ e dou orde de descubrirnos”. Ao son do cinto dos de Esquilas, os integrantes da Comparsa procedían a descubrir os seus rostros, nun xesto que, entre aplausos, pechaba a representación.
A Comparsa seguirá visitando as aldeas vianeses o vindeiro sábado, 1 de marzo, pola mañá ás 11h. estará no Santuario do Pai Eterno e, pola tarde, ás 17h. en Pradocabalos.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
Ampliarase galería fotográfica en breve.