O club ArcoBarco comeza unha nova etapa. Hai uns meses renovaba a directiva; e esta fin de semana organiza o Trofeo Federación Luis Vera Moreno correspondente á 4ª tirada de liga (RAUS).

O novo presidente, Rubén Ramos e a secretaria, Lourdes Cuenca, presentaban na mañá deste xoves 27 de novembro a proba autonómica coa que O Barco regresa á competición de tiro con arco. “Aínda que non sexa a tirada internacional que se celebraba e que confío en que retomen, é tamén unha proba importante a nivel galego que se celebrará en dous días, polo que dende o Concello dámosvos as grazas por recuperar esta actividade”, dixo o alcalde, Aurentino Alonso.
O presidente pola súa banda era o encargado de explicar a orixe do trofeo que vai pola V edición, en homenaxe a Luis Vera, “unha persoa moi importante para a Federación Galega de Tiro con Arco a todos os niveis, que axudou moito a numerosos clubs, especialmente ao noso”.

A competición comezará o sábado 29 de novembro arredor das 15:30 horas para as categorías base, dende Prebenxamín e Benxamín ata Cadete nas modalidades de arco recurvo e arco composto, ademais de arco espido e longbow. O domingo pola mañá será a quenda das modalidades de arco recurvo olímpico e composto para as categorías U21, Sénior e Veterano.
Dende ArcoBarco agardan contar cuns 180 arqueiros de diferentes partes de Galicia.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.