A comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo de Viloira (O Barco) vivía unha xornada moi especial e marcada polo deporte neste venres 14 de xuño. Ás nove e media da mañá deste 14 de xuño o alumnado, profesorado e algunhas nais e pais, reuníanse, bicicleta en man e casco, no exterior do centro para participar nunha edición da “Bicicletada”.
Minutos despois, e precedidos pola Policía Local iniciaban unha marcha cicloturista rumbo ao polígono da Raña, na que estaban acompañados tamén polo GES Valdeorras e pola Cruz Vermella Valdeorras. Unhas 90 persoas participaban nesta orixinal iniciativa que mestura educación, con xogo, deporte e convivencia. Eran despedidos polo resto do alumnado do colexio e tamén polos docentes.
Tras saír do colexio, cruzaban o río Sil pasando pola ponte de San Fernando e dirixíanse, polo casco antigo, ata o Malecón. Dende alí xa enfiaban ata o polígono, onde tiñan previsto dar a volta para regrasar, pola outra beira do río, pola estrada ata o colexio.
Fotos: A.R./ Mónica G. Bellver.
Vídeo: A.R.