OurenseÚltima hora

A Confederación do Miño-Sil elimina especies exóticas invasoras no río Miño ao seu paso por Ourense

Estes traballos, iniciados o pasado luns, prolongaranse ata abril e suporán un investimento estimado duns 40.000 euros

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) continúa os traballos de limpeza de ríos na provincia de Ourense. Así, nesta semana iniciáronse os labores de retirada de especies invasoras en ambas as marxes do Miño, ao seu paso pola cidade das Burgas. Na inspección previa realizada, observouse importante presenza de rodales de tres especies exóticas invasoras moi comúns nesta zona: ailanto, cana e acacia.

Os traballos programados polo organismo de conca consisten na tala, amontoado e retirada dos pés de ailanto aos que, tras a curta, “aplicarase herbicida con pincel sobre os tocos para o control do rebrote; naqueles casos en que o diámetro dos tocos non permita esta técnica, realizarase unha aplicación localizada con pulverizador de mochila. Procederase, tamén, á curta e retirada dos rodales de canas presentes en ambas as marxes aos que se lle aplicará, cando rebroten, un herbicida sistémico de post- emerxencia”, segundo informa a confederación.

En canto á retirada de acacia, aos exemplares cuxo diámetro o permita, realizaráselles un anillado mecánico do tronco (descortezado ou pelado do mesmo), tentando cortar o fluxo de zume para provocar o esgotamento da planta. Así mesmo, contémplase a tala, partido, amontoado e retirada das árbores secas que presenten risco de caída sobre as zonas de paseo.

Finalmente, e como complemento a estas actuacións, a confederación prevé realizar unha plantación manual de frondosas autóctonas que permitan recuperar progresivamente a vexetación de ribeira. “Todo o material vexetal resultante destas curtas e saneos será retirado e trasladado por un xestor autorizado”.

Os traballos descritos están a ser realizados por unha brigada composta por 5 operarios especializados e prolongaranse ata o mes de abril. O investimento estimado superará os 40.000 euros.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button