Cunha exposición e unha charla sobre o “galego universal” no Barco de Valdeorras, pechábanse na mañá deste domingo 5 de outubro os actos organizados pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán no marco da celebración do Ano de Castelao.
Trala xornada do sábado, coa conferencia en tren que lembrou o paso de Castelao por Valdeorra acompañado polo poeta de Córgomo, arredor dos albores do galeguismo e máis a Guerra Civil, hoxe era o turno da parte creativa de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, da que se encargou a investigadora Pilar García Negro, quen analizou a traxectoria do autor e político dende un punto de vista artístico, contextualizándoo co seu tempo histórico.
Presentada por Emilio Vega, membro da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, Pilar convidou aos asistentes (entre os que se atopaban a delegada especial por Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez) a facer unha viaxe “da man da personalidade incomparable de Castelao”. Unha viaxe retrospectiva “por toda a Galiza porque el foi un galego universal”.
Malia o título da conferencia “Castelao, obra artística” que o era, a obra de Pilar, unha das persoas que máis ten investigado sobre o intelecutual, xira sobre “Castelao como personaxe, dende unah visión completa e rotunda que abarca todos os aspectos da obra de Castelao como quen comprendeu a Galiza como nación e cun futuro que depende da actuación política, histórica e do pobo como tal”, en palabras de Emilio.
E como escenario de luxo da charla, na Sala Abanca, unha exposición de fondos relacionados con Castelao conservados pola Fundación e que inclúen libros e facsímiles das súas láminas máis famosas.


Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver