
A estrada OU-533 (A Rúa-A Gudiña), gravemente afectada polas chuvias e os arrastres da tormenta de onte, era visitada este mediodía pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, que estaba acompañada polo alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila; polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza.
Os danos producíronse á altura do punto quilométrico 9 en Viana do Bolo. Segundo a conselleira, tras recibir o aviso do 112, o persoal do centro de conservación de estradas desprazouse á zona, primeiro o retén de garda de Verín, e logo sumouse o da Rúa. Despois de abordar a limpeza do viario, procedeuse á sinalización para garantir a seguridade viaria.

Neste momento, segundo a consellería, están dez operarios traballando, coa axuda de varios vehículos de conservación de estradas. “Nas vindeiras horas sumarase máis maquinaria pesada, unha grúa retroexcavadora e outra grúa con cazo, para a retirada dos materiais que arrastraron as choivas ao pontón da ponte pola que discorre a estrada neste punto”. Como destacou a conselleira, nesta actuación céntranse agora os esforzos para garantir a seguridade, “por se veñen máis choivas que podan causar máis danos”.
Allegue explicou que se traballa en coordinación co Concello, “para avaliar esta situación e que todo volva á normalidade o antes posible”.


