No mediodía deste 24 de decembro a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, achegábase ata Valdeorras para realizar unha visita aos usuarios e persoal da residencia Virxe dos Milagres da Fundación Valdegodos, situada en Vilamartín de Valdeorras.
Alí era recibida polo presidente da Fundación Valdegodos, Miguel Blanco, e polo director deste centro de maiores, Félix Pérez, así como por represantes do persoal. Blanco agradecía a visita da conselleira nestas datas tan entrañables e tamén o apoio da Xunta de Galicia. Xunto a el, unha representante dos traballadores expresaba tamén o agradecemento por esta visita e contáballa á conselleira como nestes días os residentes reciben moitas visitas, especialmente dos seus familiares, ademais hai algúns que saen para pasar estas festas nos seus domicilios.
Pola súa banda, a conselleira de Política Social manifestaba a súa satisfacción poder achegarse ata esta residencia, xunto co director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, “tamén por poder saudar e desexarlles un bo Nadal a todos os traballadores deste centro porque nada sería posible sen eles. Só hai que falar e poder compartir coas persoas que viven nesta gran casa a ilusión, as ganas, pero sobre todo tamén esa ilusión de pasar o Nadal xunto cos seres queridos que viven neste centro”.

Así mesmo expresaba a súa felicitación tanto ao presidente da Fundación Valdegodos como ao director deste centro, “polo traballo incansable que fan cada día do ano, coidando, mimando e atendendo a tantos maiores que viven neste centro. Dende a Xunta de Galicia é un auténtico orgullo ter na nosa comunidade autónoma residencias como esta, onde todas as persoas gozan dunha gran calidade de vida e na que teñen eses coidados que necesitan todos os días do ano”.


Durante a súa visita a conselleira tivo ocasión de coñecer as melloras realizadas nesta residencia para adaptala ao modelo de coidados impulsado pola Xunta. Grazas a unha achega de máis de dous millóns de euros, o centro realizou melloras nas habitacións dos usuarios e nos espazos comúns para dotalos de máis medios tecnolóxicos que faciliten a comunicación co persoal.

Fabiola García finalizaba a súa intervención desexándolles “a todos os traballadores e residentes deste centro un bo Nadal e un próspero ano 2026”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
