A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitaba esta mañá varios inmobles nas localidades de Castromarigo e Castromao (A Veiga), onde puido ver o resultado da rehabilitación de varias vivendas renovadas grazas ás achegas da Xunta destinadas a inmobles de titularidade municipal. Allegue, que estaba acompañada polo alcalde da Veiga, Juan Anta, e por outros concelleiros, cualificaba de exemplar o traballo do concello no eido da vivenda, “un modelo a seguir de cooperación entre administración local e Goberno galego. Alcalde conta con nós porque es un concello referente a seguir”. Tamén destacaba a fermosura e vistas do municipio.
Allegue poñía en valor os resultados da xestión do executivo, acadando 17 vivendas públicas para a veciñanza destinadas a alugueiro accesible, impulsadas coa liña de achegas para inmobles de titularidade municipal, cun investimento total da Xunta de preto de 700.000€ dende o 2019.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas referíase ao “esforzo, a tenacidade e a constancia dos alcaldes e as corporacións máis pequenas, supoñen a diferencia para a veciñanza. Con estas achegas, non só creamos novos fogares, novas vivendas públicas, senón que tamén axudamos a asentar poboación nos nosos fermosos concellos do rural”.
Allegue recodaba que as liñas de axudas do se departamento, entre elas as destinadas á rehabilitación de inmobles de titularidade municipal, que está aberta e os concellos poden solicitala ata o 3 de xuño. O orzamento para este programa ascende a 1.850.000€ ata 2026 e esténdense agora aos concellos que conten con menos de 30.000 habitantes, cando antes se limitaba aos de menos de 20.000.
Pola súa banda, o alcalde da Veiga, Juan Anta, expresaba a súa gratitude á conselleira e a atención que recibe do seu departamento cando se presentan os proxectos (tanto en marcha como en desenvolvemento, que detallaba na súa intervención e que supuxeron máis de 1 millón de euros), así como o esforzo orzamentario. “O traballo que se fai dende a consellería é de salientar porque sempre se aportan solucións”. Tamén destacaba que se recoñeceron as singularidades e morfoloxía de alta deste concello, “pese a non ter un casco histórico, e deu por válida a nosa petición, o cal é de agradecer. Isto demostra que a Xunta aposta pola vivenda no rural en condicións como esta”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.