Ata as agrupacións forestais de xestión conxunta de Tuxe e Cambela (O Bolo) desprazábase esta mañá a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que destacaba que esta é unha figura clave para “fomentar o incremento da produtividade e para loitar contra o abandono do monte, incidindo na súa xestión sostible, profesional e colaborativa”. Para a conselleira esta ferramenta facilita o dinamismo do sector, mediante a colaboración público-privada. E iso permite avanzar nunha xestión forestal moderna, rendible e plenamente compatible coa conservación dos ecosistemas.
Nesta visita a titular de Medio Rural, que estaba acompañada polo alcalde do Bolo, Miguel Ángel García, así como polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, entre outras autoridades.
Así, mencionou, entre outras, a redución de custos, a mellora da planificación dos aproveitamentos e o establecemento dunha comunicación directa entre os propietarios e a Administración forestal. Nesta liña, Gómez puxo en valor o dato das 44 agrupacións que actualmente están xa en marcha en Galicia.

“Estas agrupacións forestais de Tuxe e Cambela son das pionerias, conxuntamente con outras tanto en Parada de Sil como no Incio, desas primeiras agrupacións forestais de xestion conxunta polas que estamos apostando dende a Consellería do Medio Rural para poñer en valor algo tan importente e que ten tanta riqueza como son os soutos de castiñeiros. Este é un exemplo do bo facer destas agrupacións e que vai repercutir directamente nunha maior produtividade dos soutos e tamén nunha maior sanidade, que estamos vendo os problemas que tiveron coa avesipiña e agora co cancro”, dicía María José Gómez.
Tamén anunciaba María José Gómez que a “estas agrupacións imos destinar unha partida moi importante, no caso concreto desta agrupación será de 362.000 euros para para actuar en podas en altura que van repercutir nesa mellor sanidade dos castiñeiros, pero tamén en infraestruturas como a destes camiños que acabamos de ver que estaban pechados e que grazas a estas axudas están agora abertos e permiten sacar a castaña con maior facilidade e sobre todo uns accesos a esta extensión tan grande de soutos que hai na zona, falabamos que por aquí temos 200 hectáreas”.
Nese senso, a conselleira falaba de poder ampliar a superficie destas agrupacións. “Partimos desas 47 has iniciais de extensión da agrupación de Tuxe para seguir facéndoa máis grande e máis produtiva e de cara ao futuro poder implementar técnicas máis modernas e mecanizadas incluso para recoller a castaña e que así xente moza se anime a traballar nalgo tan importante como é a castaña. Todo iso está recollido no Plan do Castiñeiro enmarcado dentro do Plan Forestal, no que tamén temos partidas orzamentarias para intentar dinamizar estas extensión de frondosa autóctona e poñelas en valor tanto para froito como para madeira de calidade cunha silvicultura adecuada”.
Neste contexto, a conselleira reafirmaba o compromiso de apoio da Xunta cara o sector forestal galego en xeral e, nomeadamente, ao castiñeiro, que, tal e como sinalaba, se plasma a través de diferentes iniciativas. Entre elas, figura a incorporación do Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña, aprobado pola Xunta no ano 2022, dentro da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Así, este Programa recolle ata 36 actuacións, agrupadas en cinco grandes eixos: planificación, investigación, apoio ao sector viveirista, comercialización e mellora da competitividade.

Plan piloto de xestión conxunta de soutos
Do mesmo xeito, hai que valorar os avances no Plan piloto de fomento da xestión conxunta de soutos, desenvolvido en áreas estratéxicas das provincias de Lugo e Ourense e que propiciou, ata o momento, a constitución de cinco agrupacións forestais de xestión conxunta, entre elas as dúas visitadas hoxe no Bolo.
Asemade, a titular de Medio Rural recordou as diferentes liñas de axudas ao sector en xeral e ao fomento do castiñeiro en particular. Así, remarcou que só desde o ano 2022 o seu departamento destinou case 2,6 millóns de euros a financiar 145 proxectos, con actuacións en máis de 530 hectáreas e que suporán, entre outras cousas, a plantación de máis de 43.800 castiñeiros na nosa comunidade.

Para facerse unha idea da importancia destas plantacións en Galicia, cómpre salientar que na comunidade existen arredor de 50.000 hectáreas de monte onde o castiñeiro é a especie predominante, e as cortas anuais de madeira acadan os 30.000 metros cúbicos, o que supón preto dun terzo do total nacional.
Outra das liñas de traballo da Xunta ten que ver coa loita integrada contra pragas e enfermidades. Desta forma, no marco do Programa Estratéxico do Castiñeiro, Medio Rural desenvolve accións específicas neste eido, especialmente fronte o cancro do castiñeiro. O programa combina o diagnóstico fitosanitario co tratamento experimental mediante cepas hipovirulentas, capaces de deter o avance da enfermidade e favorecer a cicatrización natural das árbores. Tamén se veñen facendo labores de seguimento e control da avespiña do castiñeiro.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
