En portadaÚltima hora

A Cooperativa Jesús Nazareno-Vinos Barco pecha a vendima cuns 1.650.000 quilos de uva en adega

A calidade e o estado sanitario da materia prima que entrou na adega é excelente, segundo Vinos Barco, que amplía a súa proposta enoturística cun novo espazo dedicado ás catas

 

Vinos Barco dá por finalizada a vendima 2026 despois de 15 días de traballo nos viñedos de Valdeorras. Unha campaña que a adega valora de forma moi positiva tanto polo estado sanitario da uva como pola calidade da materia prima que entrou en adega.

A vendima comezou o pasado 27 de agosto e finalizou o 10 de setembro, cunha estimación dunha recollida total de entre 1.650.000- 1.700.000 kg de uva, principalmente das variedades godello con 900.000 kg e mencía con 300.000 kg. Tamén se recolleron ao redor de 250.000 kg de palomino e 200.000 kg de garnacha.

Desde Viños Barco destacan especialmente as últimas choivas, un dos aspectos que marcaron esta campaña e que permitiron que a uva chegase a adega en perfectas condicións. “A uva chegou nun estado excelente, sen enfermidades e cunha calidade moi boa. Foi, en xeral, unha campaña moi positiva”, explica José Manuel Delgado, presidente de Viños Barco.

A vendima deste ano estivo especialmente condicionada pola seca e as sucesivas ondas de calor, que provocaron unha tensión hídrica moderada nas vides. Neste contexto, as choivas rexistradas na recta final da campaña resultaron especialmente beneficiosas para o viñedo.

 

 

“A planta estaba nun estado de deshidratación e a choiva veunos xenial porque así obriga á planta para tomar medidas que melloran o froito”, sinala Delgado. As precipitacións axudaron a recuperar o equilibrio das plantas nun momento no que a uva estaba a alcanzar graos elevados de maduración.

O peche da vendima chega ademais nun momento especialmente favorable para os viños brancos e, en particular, para o godello, que continúa gañando terreo entre os consumidores. “O mercado do viño leva uns anos á baixa desde a pandemia, pero o godello está a seguir a tendencia contraria”, afirma o presidente de Viños Barco. Para a nova engada, Viños Barco espera manter a evolución positiva das súas vendas, seguir crecendo xunto aos seus clientes e incorporar novos produtos ao seu catálogo nos próximos meses.

Ademais, a adega acaba de incorporar un novo espazo de catas nas súas instalacións do Barco de Valdeorras, co obxectivo de seguir achegando os seus viños ao público e reforzar a súa proposta enoturística. Tras finalizar a campaña, José Manuel Delgado quixo destacar especialmente o traballo dos socios e socias da cooperativa: “Quero felicitar a todos os viticultores e viticultoras pola calidade da uva que entregaron e animalos a seguir por este camiño. Esa será a forma de que Viños Barco siga crecendo, porque a materia prima é o primeiro”.

Coa vendima xa finalizada, comeza agora o traballo en adega e unha anada 2026 que parte dunha materia prima de gran calidade e con boas expectativas.

Back to top button