O vindeiro domingo 1 de marzo O Barco de Valdeorras acollerá a Copa Alevín de Voleibol, unha xornada moi especial que reunirá aos máis pequenos e pequenas de toda Galicia e promete “deporte, aprendizaxe e convivencia arredor desta disciplina”.
A proba celebrarase no pavillón municipal de Calabagueiros, grazas á colaboración do Concello, da Deputación de Ourense e do CV San Martiño e CV Ourense, cuxo apoio “resulta fundamental para seguir impulsando o vólei base e ofrecer novas oportunidades de participación ás categorías inferiores”. Así o avanzaban na presentación que tiña lugar na mañá deste martes 24 de febreiro á que asistían Mateo Fernández en representación da Federación Galega de Voleibol e o do Club San Martiño; Luis Enrique Núñez en representación da delegación no Barco do club ourensán e o alcalde, Aurentino Alonso.

Mateo explicou que a competición arrincará arredor das 10 horas e pola mañá xogarán por grupos, separados por categorías masculina e feminina e pola tarde serán xa os cruces para definir os campións. “Ao ser domingo e nenos pequenos a idea é non repatar moi tarde, co cal malia estar condicionado polo número total de equipos en principio espérase rematar cara as 18:30 horas”.
Será unha “actividade moi bonita”, en palabras do alcalde, que reunirá a 6-7 clubs, cun 25 equipos e uns 150 deportistas coas súas familias. Trátase dunha actividade “moi importante porque se trata do deporte base que é onde queremos facer máis forza para que teña moita máis presenza da que está tendo”, asegura Luis Enrique, engadindo que é tamén unha forma de animar aos nenos que adestran.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.