OurenseÚltima horaVídeos

A Coral De Ruada recolle o Premio Ourensanía 2026

A científica Marita Souto recibíu unha meción honorífica a título póstumo

 

Na tardiña deste martes 10 de novembro, coma sempre na víspera de San Martiño, a Deputación de Ourense recoñecía a traxectoria centenaria da Coral De Ruada coa entrega do Premio Ourensanía 2026, nunha gala presentada por José Luis Tielas González que comezou no Teatro Principal cunha actuación de Marta Bravo, e que incluíu tamén unha mención honorífica a título póstumo á científica Marita Souto. O presidente provincial, Luis Menor, destacou a contribución de ambas as homenaxeadas á identidade da provincia e anunciou a “creación dun espazo propio na Biblioteca da Deputación dedicado ao legado investigador e divulgador de Marita”.

 

 

Na súa intervención, Menor afirmou que “dicir que a Coral De Ruada representa o sentir ourensán é falar dunha experiencia que compartimos moitas xeracións”. O presidente puxo en valor a capacidade da agrupación para transmitir, a través da música, a memoria e os afectos dunha terra: “Nas vosas voces están as festas e as despedidas, a alegría de volver e a saudade de marchar. Están as palabras que aprendemos na casa e as melodías que nos devolven a persoas queridas”. Para expresar ese vínculo, recuperou unha cita de Otero Pedrayo: “Todo o ser de Ourense foi recollido con amor e saber por a coral ‘De Ruada’”. Dúas palabras, amor e saber, que Menor considerou un resumo da historia da entidade: o compromiso coa provincia e o rigor necesario para recoller, interpretar e transmitir a súa tradición musical.

Fundada en 1918 e presentada ao público no Salón Apolo en 1919, a Coral De Ruada mantén unha traxectoria estreitamente vinculada á cultura e á lingua galegas. Menor lembrou a súa proximidade ás figuras da Xeración Nós e o seu papel como embaixadora de Ourense, levando a música da provincia a outros escenarios e países. O Premio Ourensanía súmase a distincións como a Medalla de Ouro da Provincia, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba ou o Premio Otero Pedrayo, recibido en 2024.

O presidente agradeceu o traballo da presidenta, Fátima María Malingre; do director, Xoán Antón Vázquez Casas; da directiva e de todos os coralistas, instrumentistas, bailaríns e colaboradores. Estendeu tamén o recoñecemento ás persoas que sostiveron a agrupación ao longo da súa historia e destacou a incorporación da mocidade como garantía da súa continuidade. “A tradición vive porque alguén a comparte e porque alguén se ilusiona con recibila”, sinalou.

 

 

 

Fátima Malingre reivindica unha tradición que se ensina e se comparte

A presidenta da Coral De Ruada, Fátima Malingre, recolleu o premio en nome de todas as persoas que, desde 1918, fixeron posible a súa traxectoria. Nunha intervención marcada pola emoción, lembrou os sucesivos directores e os centos de coralistas, músicos, bailaríns, recitadores e actores que formaron parte da entidade, cunha referencia especial aos que xa faleceron, asegurando que “este premio tamén é deles”.

Malingre salientou que De Ruada é “un fogar aberto onde a tradición non queda gardada nun caixón: ensínase, cántase e compártese”. Neste sentido, lembrou o labor da Escola de Música Tradicional Virxilio Fernández, do grupo de teatro Xabier Prado “Lameiro” e da escola de baile, ademais das actividades culturais e dos concertos que promove a agrupación.

 

 

A presidenta agradeceu o apoio dos Amigos da Coral e das institucións, destacando o respaldo da Deputación. Subliñou, ademais, o valor particular desta distinción: “Este galardón ten un significado especial, porque se chama Ourensanía”. Un nome que conecta coa aspiración da Coral a ser “a encarnación do espírito de Ourense; aberto ao mundo, pero con raíces fondas”. De cara ao futuro, situou como desafío lograr que a mocidade siga conectando co patrimonio musical galego e que as cancións continúen vivas nas novas xeracións. “Ese é o noso compromiso para os vindeiros cen anos”, afirmou.

Malingre dedicoulle tamén unha sentida homenaxe a Marita Souto. “Ela estudou a auga que brota da nosa terra; nós esforzámonos por cultivar a música que xorde da nosa xente”. Dous labores unidos polo propósito de “poñer en valor o que fai de Ourense un lugar único”.

 

 

Un espazo para dar continuidade ao legado de Marita Souto

A mención honorífica a título póstumo a Marita Souto reuniu o recoñecemento á súa dimensión científica e unha lembranza da súa pegada humana e familiar. Luis Menor definiuna como “a gardiá dos nosos mananciais” e destacou que o seu traballo axudou a coñecer mellor as augas de Ourense e a comprender o seu valor para o futuro da provincia.

O presidente evocou tamén “a nai, a avoa, a matriarca”, unha muller que foi “raíz e referencia para os seus”. Nunha lembranza persoal, afirmou: “Quen quixemos a Marita lembramos tamén o cariño co que nos aconsellaba, nos ensinaba e mesmo nos reprendía cando facía falta”. Menor anunciou que a Biblioteca da Deputación contará cun espazo propio dedicado ao labor investigador e divulgador de Marita Souto. Reunirá todos os libros, estudos e traballos que ela cedeu para poñelos á disposición de quen desexe continuar investigando en materia de termalismo.

A iniciativa dá cumprimento á última petición que Marita lle trasladou na derradeira reunión que mantiveron. “Cumprir esa última petición é un compromiso desta institución. Así honraremos a súa confianza e faremos que aquela viaxe da que ela falaba siga abrindo camiños para Ourense”, sinalou.

 

 

 

A familia lembra a súa entrega e reclama continuidade para o seu compromiso termal

En representación da familia interveu Daniel Alexio Nanín Pascual, neto de Marita Souto, quen agradeceu á Deputación, ao seu presidente e ao xurado un recoñecemento de “significado inmenso” para os seus. Describiu a emoción de participar na homenaxe como unha mestura de felicidade polo galardón e tristeza pola ausencia da súa avoa.

Na súa intervención, lembrou unha muller inquieta, traballadora, esixente, perfeccionista e tremendamente activa, que se implicaba con toda a súa enerxía en cada proxecto. “Avoa, hoxe queda demostrado que a túa enerxía e o teu legado seguen máis vivos ca nunca. Segues tendo a axenda completa e enchendo salas coma esta, tal e como fixeches durante toda a túa vida”, expresou.

 

 

O seu neto destacou que a ensinanza de Marita vai máis alá da súa achega profesional e inclúe o valor do esforzo, o inconformismo e a vontade permanente de mellorar. Lembrou, ademais, a súa defensa do patrimonio termal de Ourense e das oportunidades que ofrece para o desenvolvemento da provincia.
Desde esa convicción, trasladou unha petición ás institucións para que manteñan vivo o seu compromiso. “Prégolles que sigan loitando con firmeza polo impulso, o funcionamento e a continuidade das instalacións e dos recursos termais de Ourense que ela tanto amou e defendeu”.

Daniel Alexio Nanín Pascual pechou a súa intervención agradecendo, en nome de toda a familia, a homenaxe, o cariño e o recoñecemento á pegada dunha muller “que nunca pasou desapercibida”.

O acto incluíu actuacións da propia Coral De Ruada, de música e baile, en solitario e acompañada tamén pola Real Banda de Gaitas da Deputación, poñendo o broche a unha gala que contou, entre outras moitas autoridades políticas, económicas e sociais da cidade de Ourense, co director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles.

 

 

Fotos e vídeos: O SIL.

Back to top button