
Os catro grupos políticos con representación na Corporación provincial de Ourense (PP, PSOE, BNG e Democracia Ourensana) aprobaron hoxe en pleno por unanimidade unha reclamación dirixida ao Goberno central e Renfe para que rectifiquen as “inxustas decisións” que están a supoñer un “desprezo aos habitantes do interior de Galicia”, en tanto que o Ministerio de Transportes ten previsto adoptar a partir do 9 de xuño unha serie de medidas que afectarán aos usuarios do ferrocarril na estación da Gudiña-Porta de Galicia.
Con esta iniciativa, todos os grupos denuncian a eliminación de paradas do AVE na citada estación, a carencia de descontos nos billetes como si teñen outras terminais ou, como reclamación ante ADIF, que se solucionen as carencias de accesibilidade a este espazo.
Polo que respecta á supresión de servizos, a decisión do Ministerio de Transportes vai supoñer a perda de tres paradas do AVE, o que implica a desaparición do primeiro servizo matinal que ata hoxe permite chegar a Madrid ás 10.34 horas. A partir do 9 de xuño, os usuarios chegarán ás 14.08 horas. No caso de querer regresar no mesmo día o tempo de estancia na capital do Estado redúcese a catro horas, xa que o último tren de volta á Gudiña sairá ás 18.06 horas.
Na moción advírtese que o recorte de servizos afecta aos habitantes de sete comarcas: as ourensás de Monterrei, A Limia, Viana, Valdeorras, e ás portuguesas de Tras-Os-Montes, Chaves e Vila Real, engadindo ademais os prexuízos que provocará aos peregrinos que inician desde A Gudiña o camiño da Vía da Prata.
A iniciativa pon o foco tamén no feito de que a estación Porta de Galicia non parou de medrar en usuarios dende a súa inauguración en decembro de 2021. Desde aquela xa pasaron 107.400 viaxeiros por esta terminal, 38.600 durante 2024.
Xunto con horarios razoables nas paradas do AVE na Gudiña, o texto aprobado esta mañá pide que se apliquen todos os descontos que se fan noutras estacións de alta velocidade, situación que Renfe “nunca aclarou”.
Critica a moción o “desleixo” da estación por parte do Goberno central e ADIF, pedindo que se adopten medidas de accesibilidade, como a instalación dun ascensor que facilite a mobilidade ás persoas discapacitadas e como alternativa a unha rampla de preto de cen metros de lonxitude.
Protocolo con Medio Rural para a defensa contra incendios
No capítulo de asuntos de trámite, no pleno aprobouse unha modificación das bases de execución do actual orzamento da Deputación, referida ao protocolo de colaboración asinado coa Consellería de Medio Rural para prevención e defensa contra os incendios forestais, por importe de 1.550.000 euros.
Este cambio recolle o detalle dos beneficiarios das axudas á adquisición dun tractor novo e dúas rozadoiras, subvencións que en todos os casos teñen un valor de 100.000 euros. Os destinatarios son os concellos de Allariz, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Chandrexa de Queixa, Padrenda, Pobra de Trives, Verín, Vilardevós, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía e a mancomunidade de Santa Águeda.
Ademais aprobouse o orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento, por un importe superior a 5,6 millóns de euros.
Ordenanzas das escolas de Artes e Oficios, de Danza e de Gaitas
A orde do día incluía, entre outros puntos, a modificación das ordenanzas das escolas provinciais de Artes e Oficios, de Danza e de Gaitas. Nos tres casos trátase de modificar o sistema de pagamento das matrículas, que será a través do modelo de autoliquidación -eliminando así o movemento de diñeiro en efectivo- nas entidades colaboradoras fixadas pola Deputación (bancos, oficinas de Correos ou pasarela de pagos da sede electrónica da propia institución provincial).
Entre os asuntos aprobados hoxe figuraba ademais a adhesión á Rede de Entidades Locais Gandeiro Cárnica, unha iniciativa da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) para defender e dar visibilidade ao sector gandeiro-cárnico, esencial para o desenvolvemento económico no rural, ademais de xogar un papel destacado na cohesión territorial. A Deputación de Ourense, con esta adhesión, recoñece e pon en valor o relevante peso que este sector ten na provincia.
Por último, hai que sinalar a cesión ao Concello de Leiro dun treito de algo máis dun quilómetro da estrada provincial OU-0301, entre San Clodio e Cenlle.