
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes (pequenas e medianas empresas) galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación. Na cuarta edición do programa, que acaba de concluír, participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.
Durante os dez meses de duración do programa, traballouse na saída ao exterior das pemes e na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras firma. Das 30 pemes participantes, seis sitúanse en diferentes concellos da provincia de Ourense.
A Cova da Xabreira (Larouco)
Unha adega que ofrece experiencias enoturísticas arredor dunha cova
Cova da Xabreira é unha adega situada no concello ourensán de Larouco, no lugar de Seadur, que combina a elaboración artesanal de viños con Denominación de Orixe Valdeorras con experiencias enoturísticas vivenciais arredor dunha cova tradicional rehabilitada que dá nome á empresa.
A cova da Xabreira é un espazo natural con uso tradicional na conservación do viño, que foi recuperado e transformado no corazón simbólico da actividade da empresa. Arredor desta cova artéllanse vivencias que conectan paisaxe, tradición e persoas, ofrecendo unha maneira distinta de entender e vivir o viño. Estas experiencias inclúen visitas guiadas á cova; catas comentadas dos viños, maridados con produtos locais; paseos entre viñas e montes que conectan a aldea coa contorna natural; eventos culturais como recitais, concertos ou intervencións artísticas; xunto a outras propostas personalizadas.

A empresa aposta por Alemaña e Portugal como mercados potenciais. En “Galicia Avanza” traballouse no rexistro internacional da marca; na elaboración de material promocional; na análise dos mercados de interese, tanto para a venda do viño como para comercializar as experiencias de enoturismo; a adaptación do produto e das etiquetas aos países de destino; a tradución da páxina web; e diferentes accións de marketing dixital.

Quesos Feijoo (Celanova)
Queixos artesanais ourensáns entran no mercado gourmet francés
Situada na parroquia de Acebedo del Río, Quesos Feijoo é unha empresa familiar fundada en 1949. En 1990 colle carácter de industria, chegando a producir 2000 quilos diarios. Na actualidade é un referente na elaboración de queixos de alta calidade, combinando a tradición queixeira galega co desenvolvemento tecnolóxico e a innovación sustentable. En 2017 impulsan a creación dunha adega de maduración, que os leva a gañar unha medalla de prata no certame mundial dos World Cheese Award, entre outros premios e recoñecementos internacionais aos seus produtos.
A firma produce unha ampla gama de queixos elaborados con leite de vaca, ovella, cabra e mestura, procedente de gandarías locais. Ten experiencia exportadora en Italia, Alemaña e EEUU. Co pulo de “Galicia Avanza” iniciouse a súa entrada no mercado gourmet francés, un país de enorme interese debido a que é o primeiro consumidor mundial de queixo.
No marco do programa, ademais da realización dun estudo do mercado francés, traballouse na adaptación dos etiquetados e dos envases, elaborouse material promocional, apoiouse a participación da firma en feiras sectoriais internacionais e mellorouse a súa tenda online. Ademais, desenvolveuse un xemelgo dixital impulsado por intelixencia artificial para a otpimización do proceso produtivo, un primeiro paso para a dixitalización integral da empresa e que contribuirá moi positivamente á súa internacionalización.

Algen Solutions (Allariz)
Facilita a transformación dixital de empresas en EEUU, Alemaña e Holanda
A firma Algen Solutions está especializada na transformación dixital de empresas. Faino a través de solucións innovadoras que permiten, entre outras posibilidades, a automatización de tarefas e o desenvolvemento áxil de aplicacións de negocio, coa finalidade de mellorar procesos, facilitar a toma de decisións, reducir tempo e tamén custos. Axuda así ás persoas e organizacións a vivir e traballar mellor mediante a adopción de novas tecnoloxías.
Nestes intres existe unha demanda crecente deste tipo de solucións e a firma galega conta con capacidade e experiencia para adaptalas a diferentes sectores e mercados. Así, aposta por reducir a dependencia comercial actual e consolidarse como provedor tecnolóxico con marca propia. Ademais, está certificada por Microsoft, multinacional da que é socio oficial.
A compañía ten máis de sete anos de experiencia como consultora en tecnoloxías da información, apoiando tanto a pemes como a grandes empresas de sectores como hostalería e viaxes, enerxía, saúde ou transporte na mellora da súa produtividade e seguridade. Cunha maior presenza nos EEUU, Francia e España, ofrece soporte a nivel mundial, a través de solucións diversas. As exportacións representan o 70% da súa facturación global e, co apoio do programa “Galicia Avanza”, entra nunha nova fase de expansión internacional, con especial interese en ampliar mercado nos EEUU e Alemaña e entrar en Holanda.

Autoxiro Turismo (O Carballiño)
Unha plataforma de calidade turística sustentable centrada en México
Está especializada na planificación e xestión de proxectos de turismo sustentable. Creada en 2015, conta cunha sólida presenza no mercado nacional, colaborando con administracións públicas e empresas na aplicación de metodoloxías dirixidas á profesionalización, á mellora continua e á posta en valor dos recursos culturais e naturais dos territorios.
Co apoio de “Galicia Avanza”, a empresa inicia a súa expansión internacional, centrando os seus esforzos en México, un mercado con gran potencial debido á súa diversidade cultural e natural e polo crecemento da súa industria turística. Nesta liña, a firma ourensá desenvolveu Turmexia, unha metodoloxía e plataforma dixital de calidade turística con impacto sostible, deseñada especificamente para o contexto mexicano; orientada a destinos, administracións públicas e empresas do sector.
Autoxiro aposta así mesmo pola transformación dixital, integrando ferramentas tecnolóxicas que optimizan a xestión, o seguimento da calidade e a toma de decisións nos destinos. No marco do programa, ademais dun exhaustivo estudo de mercado, levouse a cabo o rexistro da marca no país mexicano e creáronse contidos promocionais audiovisuais, entre outras accións destinadas a reforzar o despegue internacional da firma.

Adventus Plus (San Cibrao das Viñas)
Leva a Alemaña, Austria e Suíza os seus plásticos técnicos para a industria
É unha empresa especializada no deseño, enxeñaría e fabricación de solucións técnicas personalizadas para o sector industrial. Co impulso do programa “Galicia Avanza”, está a ampliar a internacionalización de dúas liñas de produto: moldes por inxección e pezas técnicas fabricadas a medida.
Nos últimos anos a firma tivo un rápido crecemento no ámbito nacional e agora estase a centrar na súa expansión cara a Alemaña, Austria e Suíza, mercados cunha importante concentración de industrias avanzadas. Alemaña, como motor económico europeo, é líder en sectores como a enxeñería mecánica e as enerxías renovables, áreas que demandan solucións innovadoras e personalizadas. Pola súa parte, Austria e Suíza sobresaen polo seu enfoque en tecnoloxías médicas e reloxería, que requiren unha precisión e calidade excepcionais. Nestes intres as exportacións da empresa representan entre o 8 e o 10% da súa facturación global. Tralo seu desembarco nestes tres países europeos, prevese que alcancen o 30% antes de 2028, co que triplicaría as súas cifras actuais.
No marco do programa, ao longo destes meses, ademais de realizar un exhaustivo estudo de mercado, adaptouse a súa páxina web aos países de destino, elaborouse material promocional bilingüe, traballouse na súa participación en ferias sectoriais internacionais e en fortalecer alianzas estratéxicas con empresas complementarias nos eidos da automoción e a electrónica. Como resultado, a compañía logrou importantes avances de cara a consolidarse como un provedor global de plásticos técnicos.

Resortes Galicia (San Cibrao das Viñas)
Muelles para o sector industrial, automoción ou ferroviario de Europa, América e Asia
Situada no polígono industrial de San Cibrao das Viñas e con máis de 50 anos de experiencia, está especializada no deseño e fabricación de muelles metálicos, resortes e pezas conformadas en arame; con aplicacións en sectores tan diversos como a automoción, minería, maquinaria agrícola e industrial, electrodomésticos, ferroviario ou aeronáutico. Pasou de ser un pequeno taller familiar centrado en muelles de compresión para a maquinaria agrícola galega, evolucionando ata converterse nun fabricante industrial, que produce desde prototipos de poucas unidades ata series de miles de pezas.
Ofrece solucións elásticas personalizadas que incrementen a fiabilidade e a eficiencia de equipos mecánicos. Está en constante mellora da súa innovación, en colaboración con centros tecnolóxicos galegos. Ademais, destaca pola sustentabilidade industrial, materializada no uso de enerxía renovable e nun programa de economía circular que recupera e recicla os recortes de arame. Co apoio de “Galicia Avanza”, busca consolidarse como socio europeo de referencia para compoñentes elásticos de alto valor engadido, reducindo a dependencia de cadeas de subministración afastadas.
Na última década levou os seus produtos a industrias de tres continentes. Así, mantén relacións comerciais estables en países como Alemaña, Portugal, Francia, Italia, Polonia, Israel, India, China, Chile ou Guatemala. A súa participación en “Galicia Avanza” centrouse en incrementar a súa presenza en Alemaña -que destaca pola súa industria automotriz e maquinaria- e Portugal -de interese pola súa automoción, minería e maquinaria agrícola-. No marco do programa, realizouse un estudo de mercado e dos sectores clave nestes dous países, adaptouse a páxina web a estes mercados, melloráronse as estratexias de márketing dixital e traballouse nunha axenda comercial de contactos de interese.
Tecnópole
O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado no Concello ourensán de San Cibrao das Viñas, leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación a través do seu centenar de empresas tecnolóxicas e os seus centros de I+D. Está comprometido co desenvolvemento sustentable, a igualdade de xénero e a divulgación científica.