A iniciativa “Percorre Valdeorras” permitíalle descubrir algúns dos espazos naturais, patrimoniais e enogastronómicos máis singulares da comarca a un grupo de 13 persoas durante os días 19 e 20 de setembro. A experiencia, comercializada a través da axencia de viaxes Spaintrips e patrocinada por Turismo de Galicia, ofreceu un percorrido deseñado para poñer en valor a diversidade de recursos turísticos de Valdeorras.
A proposta combinou natureza, patrimonio, historia, tradición vitivinícola e gastronomía, cun programa que permitiu aos participantes coñecer diferentes enclaves da comarca e achegarse a produtores e establecementos locais.
A primeira xornada comezou cunha visita ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), cunha parada na Aciñeira de Covas, a árbore que dá nome ao parque. A continuación, o grupo desprazouse ata o Centro de Recepción de Visitantes de Biobra, onde coñeceu os valores naturais e paisaxísticos deste espazo protexido. Durante o percorrido, coñeceron algúns dos elementos que caracterizan este espazo natural e, posteriormente, desprazáronse ata O Marquesado, onde visitaban as súas instalacións e achegábanse ao proceso de elaboración dos seus produtos. A visita completouse cunha degustación de mel e unha cata de viño godello de O Cepado, permitindo aos participantes descubrir de primeira man parte da tradición agroalimentaria da comarca.
O programa continuou cunha comida no Restaurante Paladium, en Vilamartín de Valdeorras, antes de desprazarse ata Adega Roandi, en Éntoma (O Barco). Alí os visitantes coñeceron de primeira man o traballo da adega e participaron nunha cata de dous dos seus viños.
O domingo estivo dedicado especialmente ao patrimonio e á historia de Valdeorras. O grupo visitou a igrexa e a ponte de Éntoma, para continuar posteriormente ata a ponte de Sobradelo, onde coñeceron a historia e as particularidades asociadas a estes elementos patrimoniais. A experiencia concluíu na Pontevella, onde os participantes puideron catar un godello Bico do Lugar, de Quinta da Peza, e un mencía do Casal, acompañados de petiscos. Esta última actividade serviu como peche dun percorrido por algúns dos principais valores turísticos de Valdeorras.
A experiencia estivo guiada pola empresa Valdeorras es Vino, que acompañou ao grupo durante as distintas visitas e actividades programadas, contribuíndo a achegar aos participantes ao patrimonio, a cultura vitivinícola, a gastronomía e as paisaxes da comarca.

Nova etapa os días 10 e 11 de outubro
Tras esta primeira proposta, “Percorre Valdeorras” terá unha segunda experiencia os días 10 e 11 de outubro, cun novo itinerario deseñado para descubrir outros recursos singulares do territorio. A xornada do sábado 10 de outubro incluirá unha visita guiada ao Santuario dás Ermidas e ao castelo medieval do Bolo, seguida dunha comida no restaurante A Capilla. Pola tarde, o programa continuará cunha visita aos lagares rupestres de Larouco, testemuño da tradición vitícola ancestral de Valdeorras, e finalizará cunha visita e cata en O Luar do Sil, en Seadur.
O domingo 11 de outubro, os participantes coñecerán a Ponte da Cigarrosa, entre A Rúa e Petín, e realizarán un paseo pola beira do encoro ata o casco antigo de Petín, descubrindo durante o percorrido a súa paisaxe, fauna e historia. A experiencia finalizará cunha visita e cata en Adega Sampayolo, en Petín.
“Con esta proposta, Percorre Valdeorras pon de manifesto as posibilidades da comarca como destino capaz de integrar nunha mesma experiencia as súas paisaxes, o seu patrimonio histórico, a súa cultura do viño e a súa gastronomía, achegando estes recursos a visitantes interesados en coñecer o territorio dun xeito experiencial”, explican dende a Ruta do Viño de Valdeorras.
Fotos cedidas.
