ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

A cunchas de caracol arden no Castro (O Barco) para encher de luz o paso da Virxe da Soidade

Multitude de persoas participaban na noite deste Venres Santo nesta antiga procesión valdeorresa

 

Nunha total escuridade saía da igrexa do Castro (O Barco) a Virxe da Soidade, portada por catro mozas enloitadas. As luces desta vila apagábanse ao comezo desta tradicional procesión, que comezaba ás 22h. do Venres Santo, na que, ao paso da imaxe, íaselle prendendo lume a centos e centos de cunchas de caracois (algunhas recreando figuras) e de piñas, que alumaban o camiño do cortexo relixioso, encabezada pola Virxe.

 

 

A Procesión da Soidade na vila do Castro constitúe unha das citas máis tradicionais e de referencia da Semana Santa no Barco. Multitude de persoas acostuman reunirse cada Venres Santo nesta localidade para participar neste singular acto relixioso, que percorre a localidade para logo regresar ao templo.

 

 

Ademais este ano a comitiva relixiosa facía a habitual parada fronte á capela privada do Pazo do Castro, cuxa Virxe se expoñía no exterior, engalada con flores. Ao seu carón cantábase unha pregaria.

 

 

 

Esta antiga procesión é posible grazas o esforzo e labor da veciñanza do Castro, que durante semanas van reunindo cunchas de caracois baleiras e piñas. Con gran coidado afánanse nas horas previas á procesión para que todo estea listo, colocando este material nos diferentes puntos da vila do Castro.

Fotos: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button