
Todo esforzo ten a súa recompensa e o traballo desenvolto polo equipo de ‘Dopamina Zero’, a curta sobre o Párkinson que Rodrigo Marini rodaba o ano pasado no Barco de Valdeorras, está dando os seus froitos.
En febreiro facíase en Nova York co Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe no Winter Film Festival 2026, un dos certames de cine independente máis destacados do circuíto internacional; e hai só uns días convertíase nun dos grandes triunfadores da cuarta edición do Certame Cinematográfico Igualgaba celebrado en La Algaba (Sevilla) onde lograba tres galardóns.
Entre eles o de Mellor Actor para Juan Ballesta polo seu papel no que interpreta a un enfermo de parkinson en idade temperá. Tamén gañaba o de Mellor Son e o de Mellor Dirección de Produción para Roberto López, compartido con ‘La Espantada’.
