EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei mostra en Madrid a personalidade dos seus viños nun exclusivo túnel de viños

 

A Denominación de Orixe Monterrei reuniu onte a máis de 100 profesionais do sector vitivinícola, que se achegaron ao Hotel Petit Palace Savoy Alfonso XII de Madrid para coñecer as novidades e tendencias das adegas da denominación de orixe galega participantes no túnel de viños. Durante a xornada, catadoras, distribuidores, restauradores, vinotecas, xornalistas e prescritores puideron coñecer de primeira man os viños de 22 das 30 adegas adscritas actualmente á Denominación de Orixe Monterrei, que mostraron a impresionante diversidade varietal e a riqueza que achegan aos viños nesta denominación de orixe galega.

“Para a denominación, Madrid é un dos principais mercados estratéxicos para os nosos viños, e así o destacan non só informes económicos senón tamén as propias adegas, que demandan a realización de accións nesta cidade para ter unha maior penetración”, indica o presidente da entidade, Manuel Vázquez Losada. “Por este motivo quixemos promover esta iniciativa que permite reforzar o noso labor promocional que se destinou única e exclusivamente ao sector profesional”, manifesta Vázquez, “e deste xeito aumentar o coñecemento dos nosos viños, consolidar mercados actuais e explorar novas canles de comercialización asentándonos na máxima da calidade”.

A cita reunía unha coidada selección de máis de 45 viños elaborados por 22 adegas da denominación, ofrecendo á oportunidade de descubrir a riqueza, diversidade e personalidade dunha das denominacións de orixe con maior proxección do panorama vitivinícola español. Os asistentes puideron realizar un percorrido polos distintos estilos que conviven no D.O. Monterrei, desde as limitadas producións de 100% godellos procedentes de viñedos singulares ata os menos coñecidos monovarietales de mencía, sen esquecer os característicos viños plurivarietales elaborados a partir da riqueza de variedades autóctonas que definen o territorio, alén da godello e a mencía, como a treixadura, dona branca ou albariño en brancas ou a sousón, caíño tinto e Aaraúxa nas tintas.

Este encontro profesional que permitiu profundar na identidade propia de Monterrei, unha denominación que combina tradición vitivinícola, diversidade de chans e un clima singular que imprime un carácter diferenciador ás súas elaboracións e contou coa participación de 22 adegas: Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Ladairo, Fragas do Lecer, Minius, Daniel Fernández (Alba Al-Bar), Franco Basalo, Trasdovento, Triay, Terras do Cigarrón, Pazo de Valdeconde, Vía Arxéntea, Tabú, Terra de Godello, Gargalo, Father 1943, Crego e Monaguillo, Manuel Regueiro García (Serra de Alén), Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Ramón Bigotes, Quinta do Buble, Jose Luis Gómez Ibáñez (Valderello) e Manuel Vázquez Losada.

Fotos cedidas.

Back to top button