
A Denominación de Orixe Monterrei vén de participar en dúas xornadas profesionais de promoción celebradas nos Países Baixos, no marco da iniciativa impulsada pola Asociación dos Consellos Reguladores do Viño de Galicia e das Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA).
As actividades tiveron lugar o luns 19 de outubro no espazo LuminAir, en Ámsterdam, e o mércores 21 no Hulstkamp Gebouw, en Róterdam. Ambas citas reuniron a profesionais do sector vitivinícola interesados en coñecer a diversidade, a calidade e a singularidade dos produtos galegos amparados por selos de calidade diferenciada.
A D.O. Monterrei estivo representada xunto ás demais denominacións de orixe vitivinícolas galegas e as Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, nunha acción conxunta destinada a dar visibilidade á oferta vitivinícola e de destilados da comunidade no mercado neerlandés.
Durante as dúas xornadas, os asistentes puideron descubrir e degustar unha selección de viños e bebidas espirituosas galegas, ademais de participar en actividades de carácter profesional orientadas a ampliar os seus coñecementos sobre os produtos, os seus territorios de orixe e as súas características diferenciais. O programa inclúe unha masterclass dirixida a profesionais do viño e unha degustación con representación dos seis Consellos Reguladores participantes.
O presidente da D.O. Monterrei, Manuel Vázquez, destacaba o interese estratéxico do mercado neerlandés para as exportacións galegas de viños e subliñaba o valor destas iniciativas para favorecer a proxección comercial dos produtos amparados polo consello regulador.
A participación nestas xornadas enmárcase na estratexia de internacionalización da D.O. Monterrei, dirixida a reforzar a súa presenza en mercados exteriores e dar a coñecer entre os profesionais do sector as particularidades do seu territorio vitivinícola, as súas variedades autóctonas e a calidade dos seus viños.