EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Monterrei recibe a importadores e compradores de Países Baixos e Irlanda a través dunha misión inversa

A iniciativa realizada durante os días 3, 4 e 5 de novembro permitía a profesionais internacionais coñecer de primeira man o territorio, a diversidade e a calidade dos viños de Monterrei

 

A Denominación de Orixe Monterrei vén de acoller unha misión inversa de importadores e compradores procedentes de Países Baixos e Irlanda, unha iniciativa promocional destinada a dar a coñecer o potencial vitivinícola de Monterrei e favorecer novas oportunidades comerciais nos mercados internacionais.

Durante a súa estancia no territorio, os profesionais visitantes tiveron a oportunidade de realizar unha cata de 24 referencias de viños da denominación de orixe (13 brancos e 11 tintos). Unha selección que lles permitiu coñecer a diversidade de elaboracións, variedades de uva e perfís enológicos que caracterizan aos viños de Monterrei.

Así mesmo, o programa incluíu visitas profesionais a sete adegas rexistradas no D.O. Monterrei: Abeledos, Gargalo, Tapias Mariñán, Terras do Cigarrón, Castro de Lobarzán, Triay e Manuel Vázquez Losada. En cada unha delas, os importadores e compradores puideron coñecer as súas instalacións, proxectos vitivinícolas e filosofía de elaboración, ademais de catar as diferentes referencias que elaboran.

A misión inversa enmárcase na estratexia de promoción e apertura a novos mercados da Denominación de Orixe Monterrei, que continúa traballando para incrementar a presenza e o recoñecemento dos seus viños fóra de España, xerando contactos directos entre as adegas e os profesionais do sector da distribución e a importación.

O presidente do D.O. Monterrei, Manuel Vázquez, destaca a importancia deste tipo de iniciativas para o futuro do sector. “As misións inversas de importadores representan unha oportunidade moi interesante para achegar os nosos viños a profesionais de mercados estratéxicos. Permiten que estes profesionais coñezan directamente o noso territorio, visiten as adegas, descubran os seus proxectos e comproben a calidade e diversidade dos nosos viños. O contacto directo é fundamental para xerar confianza e establecer posibles relacións comerciais que contribúan a seguir posicionando Monterrei no exterior”.

Con esta iniciativa, a D.O. Monterrei reforza a súa aposta pola internacionalización, a promoción das súas adegas e a consolidación de novas canles comerciais, poñendo en valor a calidade, personalidade e singularidade dos seus viños ante compradores de mercados europeos.

Back to top button