
A xornalista e crítica de viños, en representación de Tim Atkin MW, elaborará un novo informe sobre a D.O. Ribeira Sacra, os seus proxectos vitivinícolas e os seus viños. Do 17 ao 20 de novembro, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra recibirá unha nova visita de Beth Willard, recoñecida xornalista e crítica de viños, que acudirá en representación do Master of Wine inglés Tim Atkin MW para realizar un novo traballo de análise e valoración da Denominación de Orixe, as súas adegas e os seus viños.
O Consello Regulador será o encargado de coordinar a súa estancia e organizar un programa de visitas que lle permitirá achegarse á realidade vitivinícola da Ribeira Sacra e coñecer de primeira man o traballo que desenvolven as súas adegas.
Ao longo dos catro días, Beth Willard visitará un total de 19 adegas, onde poderá coñecer os diferentes proxectos, as elaboracións e a diversidade dos viños que nacen neste territorio.
O programa completarase cunha sesión de cata na sede do Consello Regulador, destinada ás adegas que desexen presentar os seus viños e que non formen parte do itinerario de visitas. Nesta sesión cataranse 10 viños das colleitas de 2024 e 2025, cunha selección composta por 2 rosados, 1 branco e 7 tintos.
Deste xeito, a visita permitirá ofrecer unha visión máis ampla e representativa da realidade vitivinícola da D.O. Ribeira Sacra, dando a oportunidade a un maior número de adegas de amosar o seu traballo e as súas elaboracións.
A presenza de Beth Willard supón unha nova oportunidade para dar a coñecer a diversidade, a identidade e o potencial dos viños da Ribeira Sacra no ámbito internacional, así como para reforzar a súa presenza entre os profesionais e prescritores do sector vitivinícola.