
A D.O. Ribeiro recibía un total de 10 medallas tras a publicación dos resultados da 33ª edición do concurso internacional de viños Concours Mondial de Bruxelles, unha competición cuxa sesión de cata de viños brancos e tintos celebrouse do 21 ao 23 de maio en Ereván, Armenia.
As adegas do D.O. Ribeiro foron premiadas un total de 10 medallas. Cinco distincións de ouro recaeron nos viños AmaVida Treixadura 2025 de Adega Alanís, Cordón de Santo André 2025, de Gumersindo Diéguez Collarte, Laudes 2024 de Lázaro Moreno Sotelo, Pazo Tizón 2024 da adega homónima e Terra Minei 2025 de Francisco Fernández Sousa. As cinco medallas de prata foron para os viños Catro Parroquias Godello 2025, de Adegas Loeda, Gran Alanís Castes Brancas 2025, de Adega Alanís, Máis de Cunqueiro Torrontés 2025 de Adegas Cunqueiro, Ramón do Casar Treixadura 2025 de Ramón do Casar e Zapicos do Verea 2025 de Bodegosa.
Ademais, tamén foron distinguidos co selo CMB MERIT outros 12 viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Este sinal distingue aos viños que, sen obter medalla, alcanzaron unha puntuación mínima de 86/100 e sitúanse xusto por baixo do limiar oficial do 33% de viños premiados. Esta etiqueta certifica que o viño é dunha calidade remarcable, validada por un xurado de expertos internacionais.
O Concours Mondial de Bruxelles, creado en 1994, é unha referencia nos concursos internacionais de viños. Desde 2006 viaxou a numerosas cidades como Lisboa, Bordeus, Luxemburgo, Guimaraes, Bratistlava, Aigle, Pequín, Porec, Guanajuato, Brno ou Yinchuan.
Durante a competición abríronse máis de 8.000 botellas de todo o mundo en tres días. Os viños premiados son seleccionados con integridade por profesionais pola súa calidade, expresión e equilibrio. Este ano, 320 catadores de prestixio, de 56 nacionalidades diferentes, estiveron presentes en Ereván, Armenia, para participar nas catas a cegas, con preto de 6.700 viños procedentes de 50 nacionalidades.
