
O C.R.D.O. Ribeiro vén de participar por terceira vez na feira especializada Wine Paris, que este ano celebrou a súa sétima edición, onde o seu carácter internacional está a gañar, cada vez, máis peso. Asistiu a este evento na caseta conxunta do Concours Mondial de Bruxelles e celebrouse do 9 ao 11 de febreiro no recinto Paris Expo Porte de Versailles. Os profesionais do sector vitivinícola que acudiron a este evento puideron mergullarse na D.O. Ribeiro a través dunha zona de cata con 22 referencias de viño branco de 14 adegas distintas, así como visitar as casetas presenciais de varias adegas da Denominación, repartidas polo pavillón internacional número 6 da feira.
Os visitantes tiveron a oportunidade de probar viños desde colleitas de 2022 ata a máis recente 2025 das seguintes referencias: A Vilerma, Armán Finca Misenhora, Casal de Armán, Catro Parroquias Godello, Catro Parroquias Treixadura, Colección 68, Coto de Gomariz, Cunqueiro III Milenium, El Patito Feo Treixadura Lías, Gran Alanís Castes Brancas, Gran Leiriña Treixadura, Juan Míguez Godello, Máis de Cunqueiro Torrontés, Pazo Tizón, Pazo Tizón Cuvée, Ramón do Casar Treixadura, Ramón do Casar Varietal, Saramusa Treixadura, Tamborá, Terra Minei, Torre do Olivar Treixadura e Village.
A D.O. Ribeiro continúa fidelizando o ámbito internacional grazas á participación nesta feira (que se produce unha semana despois da Barcelona Wine Week), onde expertos no sector vitivinícola, entre eles catadores, prensa especializada, importadores, influencers, educadores de viño, distribuidores, da anfitrioa Francia así como outros países como Estados Unidos, Bélxica, Reino Unido, Países Baixos, República Checa e Grecia, achegáronse á nosa caseta para interesarse polos nosos viños, principalmente pola Treixadura, así como coñecer os diferentes perfís e a capacidade de garda dos viños, procedentes de viñedos traballados manualmente por viticultores experimentados e elaborados con dedicación e esmero polas nosas adegas.
Fotos cedidas.
