
A Denominación de Orixe Valdeorras participará o vindeiro luns, 9 de novembro, nunha nova edición da Experiencia Verema Sevilla, un dos encontros de referencia para profesionais e afeccionados ao mundo do viño, que terá como escenario o emblemático Hotel Alfonso XIII da capital andaluza. “A cita suporá unha nova oportunidade para achegar os viños da comarca a consumidores, distribuidores e prescritores do sector, ademais de continuar reforzando a súa presenza e recoñecemento no mercado nacional”, segundo indica a D.O.
O evento desenvolverase en dúas sesións, de 12:00 a 15:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, e reunirá diferentes adegas e denominacións de orixe arredor dunha xornada dedicada á promoción, ao coñecemento e á degustación de viños. A través deste formato, os asistentes poderán descubrir distintas elaboracións, coñecer de primeira man o traballo das adegas e establecer contacto directo cos representantes das zonas vitivinícolas participantes.
En representación da D.O. Valdeorras asistirán o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada, e o seu director técnico, Jorge Mazaira, que participarán nesta convocatoria co obxectivo de promocionar e difundir os viños da comarca. A denominación acudirá cunha selección de 25 viños amparados, procedentes de 13 adegas. Do total de referencias presentadas, 18 serán viños brancos e as sete restantes, tintos, unha mostra que permitirá poñer de manifesto a diversidade e riqueza das elaboracións de Valdeorras, así como a personalidade das súas variedades e a singularidade do seu territorio vitivinícola.
“A presenza de Valdeorras en Sevilla permitirá dar continuidade á estratexia de promoción exterior que desenvolve o Consello Regulador para ampliar o coñecemento dos seus viños e consolidar o seu posicionamento en diferentes mercados e ámbitos profesionais. Neste sentido, encontros como Verema constitúen un escaparate de especial interese para establecer novas relacións comerciais, fortalecer os vínculos con distribuidores e profesionais da hostalaría e achegar as características dos viños da denominación a novos públicos”, tal e como indica a denominan.
A D.O. Valdeorras, recoñecida especialmente pola personalidade e calidade dos seus godellos, conta tamén cunha destacada traxectoria na elaboración de tintos, principalmente a partir da variedade mencía, ademais doutras variedades tradicionais que contribúen a enriquecer a diversidade da súa oferta. Un patrimonio vitivinícola ligado ao territorio, aos seus solos e á tradición dos seus viticultores que o Consello Regulador continúa difundindo a través da súa participación en encontros especializados.