
A Denominación de Orixe Valdeorras viaxará este luns día 9 de marzo a Valencia para participar nunha nova Experiencia Verema nesta cidade. Un total de 31 viños viaxarán coa delegación do Consello Regulador, a un evento “polo que levamos apostando moitos anos, porque abarca unha zona de influencia moi ampla e porque o seu sistema de traballo, co que logramos alcanzar a moitas adegas, é unha fórmula perfecta para darnos a coñecer”, asegura Jorge Mazaira, director técnico da Denominación de Orixe.
Nesta ocasión, a D.O. Valdeorras aproveitará a estancia en Valencia para participar, o martes día 10 e fora do contexto da feira, nunha Cata de Viños Tintos Senlleiros, dirixida a destinatarios profesionais como sumilleres, responsables de distribución, influencers do mundo do viño e xornalistas. “O obxectivo nesta ocasión é realzar a figura dos nosos viños tintos”, sen deixar, como explica Mazaira, de “seguir enxalzando o noso godello”.
Nesta visita a Valencia, a D.O. Valdeorras recollerá o Premio ao Mellor Consello Regulador de 2025, recentemente concedido por Verema, que para o director técnico representa “ese recoñecemento ao gran traballo que entre todos estamos levando a cabo na Denominación de Orixe”.
Verema Valencia
A maior comunidade online de fala hispana enfocada no mundo do viño, a gastronomía e o enoturismo, celebrará os días 9 e 10 de marzo, a XXV Experiencia Verema Valencia, que terá lugar no Hotel Balneario Las Arenas de Valencia.
Verema reserva o luns día 9 de marzo ao showroom de adegas, onde descobrir e degustar unha ampla variedade de produtos das adegas expositoras e asistir a catas comentadas.
O martes día 10 de marzo, a xornada estará adicada a unha programación exclusiva de catas comentadas paralelas e cata plenaria, ademais da entrega dos Premios Verema.